Feijóo di que o Goberno non dá información sobre a emerxencia e pídelle "algunha colaboración"
Feijóo di que o Goberno non dá información sobre a emerxencia e pídelle "algunha colaboración"
O presidente do Partido Popular sinala organismos estatais como AEMET ou a Confederacións Hidrográfica como responsables da información coa que se xestionan a emerxencia
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este xoves que, "nunha emerxencia nacional, ademais de humanidade necesítase colaboración", e no caso da dana que afectou varias comunidades autónomas o Goberno central non lles informou "de nada".
"E cando digo de nada, é de nada", afirmou durante unha visita o Centro de Coordinación de Emerxencias da Generalitat Valenciana, onde está activado o Centro de Coordinación Operativa Integrada (CECOPI) pola dana que deixou de momento case un centenar de falecidos.
O líder do PP, que indicou que se tivo que ir informando do que ocorría en España a través dos seus presidentes autonómicos, defendeu que estes toman decisións nas emerxencias con informacións que reciben de organismos con competencia exclusiva do Goberno central, como Aemet ou as confederacións hidrográficas.
"Eu estou moi orgulloso da colaboración dos presidentes autonómicos, dos alcaldes e creo que son eles os que cargaron co peso desta emerxencia nacional", declarou Feijóo, para engadir que seguirán colaborando porque son "unha piña".
Así se pronunciou tras visitar o Centro de Coordinación de Emerxencias en l'Eliana (Valencia) que coordina os labores de emerxencia nas zonas afectadas pola DINA, que provocou polo menos 95 mortos e varios desaparecidos na Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha e Andalucía.
Ao pregunarlle se cre entón que o Goberno non está a actuar de forma correcta e se lle pediría unha maior colaboración e comunicación, Feijóo respondeu: "Eu ao Goberno central non lle pediría unha maior colaboración, pediríalle algunha colaboración, porque información ningunha".
Segundo dixo, só sabe que o comité de crise reuniuse ás 23:00 horas do martes e este mércores houbo "máis preocupación" por aprobar o decreto de RTVE que polo temporal.
En canto á eficacia dos protocolos, Feijóo indicou que un presidente autonómico xestiona en función da información que se recibe e engadiu que esa información "depende de organismos con competencia exclusiva do Goberno central", citando a AEMET e a Confederación Hidrográfica.