Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez nega calquera trato con Aldama tras publicarse una foto co empresario

Sánchez nega calquera trato con Aldama tras publicarse una foto co empresario

Núñez Feijóo di que o presidente "ocultou a verdade" e pide que dimita

Óscar Puente defende que a imaxe só proba que coincidiron nun evento

Pedro Sánchez o pasado venres en Moncloa. EFE/J.J.Guillen
G24.gal 27/10/2024 08:37 Última actualización 27/10/2024 19:42

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, negou calquera conversa ou reunión co empresario Víctor de Aldama, figura clave do caso Koldo, tras publicarse unha foto de ambos os dous. Porén, o líder do PP pide a dimisión do mandatario socialista.

Nunha charla informal coa prensa durante unha escala en Omán, de camiño á India, onde estará estes días de visita oficial, Sánchez dixo que esa foto publicada no diario El Mundo é unha das miles que se fai con persoas que acoden a actos do partido.

"Un non elixe con quen se fai unha foto, pero si elixe con quen se vai de vacacións", sinalou en alusión ás fotos de anos atrás do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao narcotraficante Marcial Dorado.

Víctor de Aldama é unha figura clave da presunta trama corrupta que a xustiza está a pescudar no marco do chamado caso Koldo, o asesor do exministro José Luis Ábalos, que podería ser outra suposta figura clave da trama.

De feito, o xuíz instrutor da causa pediulle ao Tribunal Supremo investigar o exdirixente socialista, aforado por ocupar un escano no Congreso.

A fotografía na que aparecen Pedro Sánchez e Víctor de Aldama A fotografía na que aparecen Pedro Sánchez e Víctor de Aldama

Feijóo pide a dimisión

Todas estas circunstancias provocaron unha intensa ofensiva política do PP, de xeito que a foto publicada no xornal esta fin de semana, tomada supostamente por Koldo García, foi recibida pola dirección dos populares como un acicate.

O seu líder, Alberto Núñez Feijóo, esixiu este mesmo domingo que o presidente do Goberno dea unha conferencia de prensa para aclarar que tipo de relación tiña con Aldama e dimita. Fíxoo nun acto de Novas Xeracións.

"Xa sabemos que o señor 1 non pasaba por alí e que o señor Aldama tiña acceso VIP ao presidente do Goberno".

O presidente do PP aproveitou a ocasión para unir o caso Koldo co caso Errejón.

"O Goberno de España divídese hoxe entre dous sectores: quen é sospeitoso de cometer delitos e quen é sospeitoso de estar a encubrir os delitos, e isto é insoportable".

Feijóo nunha comparecencia no Congreso a pasada semana. EFE/Sergio Pérez Feijóo nunha comparecencia no Congreso a pasada semana. EFE/Sergio Pérez

A resposta do PSOE

O PSOE respondeu á publicación da foto cun vídeo de minuto e medio durante o que se van sucedendo fotografías do líder socialista con varias persoas.

Baixo un titular intermitente, Exclusive (sic), e a lenda "A foto que proba que se coñecen", presenta unha selección de fotos que persoas distintas, identificadas cos seus nomes de pila, fixeron nalgún momento co presidente do Goberno.

Altos cargos do Executivo e do partido uníronse á campaña, como o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente. Desde a súa conta de X, animou a publicar na rede fotografías con personalidades de sona.

"Pedísteslle algunha vez unha foto a un famoso aproveitando coincidir nalgún evento? Esas fotos proban algo máis que o voso desexo de ter unha foto con esa persoa?", escribiu.

Puente asegurou que a imaxe de Sánchez e Aldama só proba que coincidiron nun evento e publicou fotos súas con Bertín Osborne, Miguel Poveda, Fernando Alonso, Boris Izaguirre, Gloria Gaynor, Ian Gibson, Amaral ou Juanma Iturriaga.

O ministro de Presidencia, Félix Bolaños, co rapero Tyga, e o titular de Transformación Dixital, Óscar López, con Ed Sheeran, participaron na proposta.

Alusión a unha foto de Feijóo

Desde Valladolid, a ministra de Igualdade, Ana Redondo, achacaba a foto a unha circunstancia casual e lanzáballe un dardo a Núñez Feijóo.

"Un non elixe quen lle fai unha foto a saída dun acto ou dun evento. O que si que creo é que un elixe con quen sobe nun iate a pasar parte das súas vacacións. Aí hai unha intimidade e unha amizade que no primeiro suposto non se produce", dixo en referencia á foto do líder popular cun narcotraficante de hai case 30 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade