A xunta directiva do PPdeG convocará o luns o congreso para a remuda de Feijóo
A xunta directiva do PPdeG convocará o luns o congreso para a remuda de Feijóo
O 18 de abril terá lugar o conclave para convocar o congreso extraordinario que terá como único punto punto na orde do día nomear a nova dirección
Feijóo: "É máis probable que teñamos antes presidente da Xunta que do partido"
Calvo e Candia confirman o seu apoio a Rueda como "proxecto de continuidade"
O proceso para elixir novo presidente do PPdeG está en marcha. A Xunta Directiva do Partido Popular de Galicia foi citada para o vindeiro luns 18 de abril coa convocatoria do seu 18 congreso, que terá un carácter extraordinario, e do que sairá un novo equipo previsiblemente liderado polo pontevedrés Alfonso Rueda, como único punto da orde do día.
O máximo órgano do partido entre congresos foi citado nun hotel compostelán para as 17:30 horas do luns polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, que dirixe o partido de forma interina logo da renuncia de Feijóo para asumir as rendas do PP nacional.
O conclave convocarase, segundo Europa Press, para finais de maio. Previamente, segundo o propio Feijóo ratificou este mesmo mércores, producirase a substitución á fronte da Xunta.
"Pode haber un único nome ou varios, non depende de min", di Feijóo
O nome que máis soa para ese cargo é do de Alfonso Rueda. Feijóo di que non procede que se pronuncie sobre os candidatos e lembra que calquera militante con cen avais pode presentarse.
"Na véspera de convocar un congreso extraordinario deixemos que a maquinaria do partido funcione e aí coñeceranse todos os nomes. Pode haber un único nome ou varios, non depende de min. Como saben calquera militante pode presentarse", explicou.
Antes o cambio na Xunta que no partido
Feijóo afirma que percibe unidade e ilusión no partido, ingredientes, di, para ir pola quinta maioría absoluta. Asegura que o cambio no partido irá en paralelo á remuda na presidencia da Xunta, que debería ocupar, afirma Feijóo, a mesma persoa.
"En maio toda a xente estará nos seus postos. Teremos un novo compañeiro ou compañeira presidente do Goberno e un novo compañeiro ou compañeira presidente do partido. Se poden coincidir os dous, moito mellor. É o noso estilo de gobernar: o que ten responsabilidade de goberno o lóxico é que teña responsabilidade orgánica", asegurou.
"É moi probable que teñamos antes presidente da Xunta, que do partido"
Os prazos para investir o presidente da Xunta poden acurtarse máis que os que marcan os estatutos do partido, polo que o cambio en San Caetano podería chegar antes que ao partido.
"É moi probable que teñamos antes presidente da Xunta, que do partido. É moi probable que sexa así", afirmou Feijóo.
Novos apoios a Alfonso Rueda
Elena Candia, presidenta do PP en Lugo, e Diego Calvo, o correspondente á Coruña, confirmaron este mércores á tarde o seu apoio ao vicepresidente primeiro da Xunta para suceder a Feijóo á fronte do partido e da Xunta.
Elena Candia considera que "a mellor forma de seguir tendo bos resultados é cun proxecto que dea continuidade aos logros alcanzados polo actual presidente do partido" e confía na "súa experiencia de xestión e experiencia orgánica" polo que estará ao seu carón no congreso extraordinario.
O presidente do PP provincial da Coruña, Diego Calvo, o único que non se pronunciara, considera nun comunicado que Rueda, "debe asumir a Presidencia" do Executivo autonómico e do PPdeG e afirma que contará co seu apoio.
Calvo, que defendera a necesidade de que a sucesión do presidente galego se levase a cabo a través dun conclave extraordinario convocado para canto antes e non pola vía da ratificación interna nun Comité Executivo, celebra tamén que "se traballe por lograr unha lista de unidade".
O seu apoio únese ao xa mostrado polo presidente do PP en Ourense, Xosé Manuel Baltar.
BNG e PSdeG ven debilidade no proceso de sucesión
Desde a oposición lamentan que a sucesión de Núñez Feijóo á fronte da Xunta e do PPdeG se estea demorando.
O secretario xeral dos socialistas galegos critica que o sucesor de Feijóo non sexa elixido polo sistema de primarias. Valentín González Formoso pide acelerar a formación do novo goberno galego.
Formoso manifestou o seu desexo de que "esta situación interina do presidente da Xunta de Galicia se resolva canto antes" para poder dar solucións ao "momento crítico" que vive a comunidade derivado dos efectos da guerra en Ucraína.
Este contexto, concluíu, require de "un Goberno dotado de estabilidade" e que estea "máis preocupado" dos problemas externos que das súas leas internas.
Para o Bloque Nacionalista Galego, o PP pecha en falso a sucesión de Feijóo. E ven neste paso un fin de ciclo na Xunta de Galicia que os nacionalistas, din, deben aproveitar.
O deputado nacionalista Luís Bará cre que os apoios dos presidentes provinciais do PPdeG a Alfornso Rueda son "un cesamento temporal de hostilidades" que supón unha "saída en falso" para unha remuda que non se produce "pola vía directa", ao tempo que interpreta que o modo en que se produce "reflicte unha loita aberta" no PP pola "repartición de poder" para as baronías provinciais.
Así as cousas, tras censurar que Galicia acumule xa "case tres meses" de "interinidade" no seu goberno mentres se dá "a peor" crise de prezos dos últimos 40 anos, Luís Bará sentenciou que as vicisitudes internas do PP reflicten "un período de decadencia e declive" na formación popular.