Publicador de contidos
Publicador de contidos

Feijóo fala co presidente galego dentro da rolda de contactos para a investidura

Feijóo fala co presidente galego dentro da rolda de contactos para a investidura

Rueda falou dos compromisos pendentes, como os acordos sobre a AP-9, a conexión ferroviaria con Lugo e Ferrol, os  trens Avril ou o impulso ao corredor atlántico noroeste de mercadorías

G24.gal 01/09/2023 13:35

O presidente do PP e candidato á presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feijóo, conversou este venres co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dentro da rolda de contactos para a sesión de investidura.

Feijóo abriu os contactos cos presidentes autonómicos o pasado mércores co lehendakari, Iñigo Urkullu, e este venres tocoulle a quenda a Rueda, con quen repasou os "compromisos pendentes" con Galicia.

Así o explicaron os dous nas súas respectivas contas de X (antes Twitter), onde o líder do PP subliñou que "España é de todos e entre todos debemos construír o futuro".

O presidente popular enmarcou a conversa no seu desexo de escoitar as achegas dos territorios "por un país de progreso, benestar e igualdade", e agradeceu a Rueda as súas propostas.

 

Rueda valora o contacto de Feijóo con presidentes autonómicos en aras de “colaboración”

Pola súa banda, o presidente galego destacou o interese do seu predecesor á fronte da Xunta en querer escoitar a todas as comunidades para "definir o rumbo de España", da que Galicia, remarcou, forma unha parte fundamental.

Rueda considerou que é “moi bo” que un candidato á presidencia do Goberno fale cos responsables autonómicos porque a pesar de que para saír elixido “ten que ser votado no Congreso”, unha vez sexa elixido, o representante do Goberno central deberá ter “relación directa e fluída cos presidentes autonómicos”.

Trasladoulle ademais a "urxencia" de que o futuro Goberno materialice os compromisos pendentes que o actual Executivo "foi incapaz de cumprir", principalmente en materia de infraestruturas.

Entre estes compromisos están os acordos sobre a AP-9, a conexión ferroviaria con Lugo e Ferrol, os "tan esperados" trens Avril ou o impulso ao corredor atlántico noroeste de mercadorías.

Tamén deben mobilizarse, dixo Rueda, os fondos europeos para proxectos tractores industriais, tomarse medidas para poder formar a máis médicos de atención primaria e transferirse os medios para que Galicia xestione o seu propio litoral.

"A maioría dos galegos non son nacionalistas, nin independentistas, nin necesitan selo para que a nosa terra avance. Traballaremos por unha España que progrese en igualdade e na que se atendan as necesidades de todos sen privilexios duns sobre outros", concluíu Rueda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade