Feijóo ofrécelle ao Goberno os seus votos para reformar a malversación como propón Bruxelas
Feijóo ofrécelle ao Goberno os seus votos para reformar a malversación como propón Bruxelas
A Comisión Europea quere unificar as penas por corrupción en toda a UE
Se sae adiante a proposta, España estará obrigada a endurecer a malversación
O Goberno di que esta proposta minimiza o impacto da proposta de Bruxelas e di que van na mesma dirección
Bruxelas está decidida a endurecer a loita contra a corrupción. Quere que todos os países eleven as penas relacionadas con estes delitos. Prepara unha nova directiva que corrixiría a reforma do Código Penal impulsada por España.
Europa propón castigar a malversación con polo menos cinco anos. E iso forzará a España a reformar a rebaixa aprobada recentemente co visto e prace de Esquerra. Esa reforma do Código Penal deixou en tres anos o tipo menos grave deste delito.
O Goberno minimiza o alcance da directiva e sostén que vai na mesma dirección ca reforma española. O importante, di a ministra de Facenda, "non é tanto a duración das penas, senón o esquema dos delitos".
Pero para o PP é todo un correctivo á decisión de Pedro Sánchez. O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo plantéxalle ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sumar os votos dos dous partidos para facer unha nova contrarreforma do Código Penal que desmonte a derrogación do delito de sedición e os cambios no de malversación que se aprobaron a finais do ano pasado.
Di Feijóo que "outra vez máis o sanchismo nos volve enganar" e convidouno a "facer conmigo o que farei só cando chegue ao Goberno. Volvamos outra vez subir as penas por corrupción, a poñer no Código Penal o delito de sedición e volver a defender a dignidade da democracia e a nación", dixo nun mitin en Cádiz.
A proposta aínda deberá ser negociada. Se se aproba así, en España podería xerar máis discusión política que práctica. Aquí, polo de agora, os tribunais están evitando aplicar as fórmulas atenuadas de malversación que introduciu o Goberno.