Publicador de contidos
Publicador de contidos

Feijóo pide a Sánchez que facilite a súa investidura nunha lexislatura de dous anos

Feijóo pide a Sánchez que facilite a súa investidura nunha lexislatura de dous anos

O líder do PP constata que "de momento atopeime co non é non"

O PSOE di que coa súa oferta "Feijóo só busca salvar o pelello"

Pedro Sánchez e Núñez Feijóo reunidos no Congreso dos Deputados (EFE/Zipi Aragón)
G24.gal 30/08/2023 10:12 Última actualización 30/08/2023 14:36

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, ofreceu ao presidente do Goberno en funcións e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, un acordo polo que a lexislatura duraría un máximo de dous anos e expúxolle que, "a prol da centralidade", a lista máis votada poida gobernar, como foi costume durante os últimos 45 anos.

A proposta está recollida nun texto de 5 páxinas que o líder popular lle entregou ao presidente do Goberno. Segundo dixo o propio Feijóo, nunha comparecencia posterior á reunión, trátase dunha oferta de acordo pola igualdade e o benestar de todos os españois para "evitar un bloqueo político".

Por iso, Feijóo pediulle ao PSOE que facilite a súa investidura para afrontar seis pactos de Estado, e para afrontar unha lexislatura que tería unha duración de dous anos. "Ante o risco de repetir eleccións en catro meses, Feijóo ofrece un mandato de 24 para acometer as reformas pendentes para o noso país", sinalan as mesmas fontes.

"A lexislatura darase por terminada cando estes seis pactos de Estado se materialicen ou nun prazo máximo de dous anos", di o documento que entregou Feijóo a Sánchez. "Transcorrido este período, procederase á convocatoria de eleccións xerais, salvo que os partidos asinantes deste acordo consideren conveniente a continuidade da lexislatura para pechar estes ou novos acordos", precisa o texto.

Os pactos que propón o candidato do Partido Popular tratarían sobre a rexeneración democrática, o estado do benestar, o saneamento económico, as familias, a auga e o encaixe territorial

Feijóo constata a negativa de Sánchez a pactar co PP

En calquera caso, segundo o candidato á investidura e líder do PP, o encontro permitiu constatar que Pedro Sánchez prefire "acordos co independentismo" en lugar de aceptar o pacto nacional que el lle ofreceu e que inclúe unha lexislatura de dous anos e seis "grandes" acordos de Estado.

"De momento atopeime co non é non, de momento, porque non vou recuar no empeño de ofrecer acordos e pactos", remarcou Feijóo.

Explicou que expuxo a Sánchez esa "alternativa" para protexer ao Estado das esixencias "inconstitucionais e discriminatorias" do independentismo "encoraxado".

Feijóo defendeu o seu dereito a gobernar porque a súa formación foi a máis votada nas urnas e lembrou que foron case 16 millóns de españois os que escolleron a papeleta do PP ou do PSOE, dous de cada tres votantes.

Asegurou que os partidos independentistas contan con menos do 6 por cento dos votos, cos que Sánchez prefire negociar "amnistías, referendos e grupos parlamentarios que non cumpren os regulamentos".

O PSOE cre que Feijóo "só busca salvar o seu pelello"

A portavoz do PSOE, Pilar Alegría, afirmou este mércores que o PSOE non vai apoiar a investidura do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. Busca "salvar o pelexo". Na súa opinión, Feijóo pasou de "querer derrogar o sanchismo" a "rogar ao sanchismo".  

"A Comisión Executiva Federal adoptou unha decisión e é que o Partido Socialista non vai apoiar a investidura do señor Feijóo", declarou Alegría na conferencia de prensa posterior á Executiva Federal do PSOE.  

A proposta de dous anos de lexislatura e seis pactos de estado, algo que o PSOE considera que demostra que "Feijóo non está a traballar pensando na estabilidade do seu país, senón en como salvar o seu pelello".  

"Se a alguén lle quedaba dúbidas de que con esta investidura errada busca a súa supervivencia política, con esta proposta despexou calquera dúbida", ironizou Alegría e afeou que a posición do líder popular pasara de "querer derrogar o sanchismo" a "rogar ao sanchismo".  

Dixo Alegría que para ofrecer acordos, como os seis pactos de Estado que Feijóo puxo sobre a mesa, hai que ter antes unha "acreditada credibilidade" que o PSOE non aprecia nunha formación, como o PP que, segundo salientou, leva 1.727 días sen cumprir coa Constitución ao non renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Neste sentido, remarcou que Feijóo rexeitou a proposta de Sánchez de renovar este órgano antes de final de ano, goberne quen goberne.

A reunión no Congreso entre Alberto Núñez Feijóo e Pedro Sánchez foi o primeiro dos encontros que o dirixente popular quere manter con líderes políticos para abordar o debate de investidura.

O encontro, sobre o que non había expectativas de acordo, prolongouse durante case unha hora. Comezou pouco despois das dez a mañá nunha sala dunha das ampliacións dos edificios parlamentarios do Congreso dos Deputados. Minutos antes das once finalizaba e o secretario xeral socialista abandonaba o edificio rumbo á sede do PSOE, onde se reúne a Comisión Executiva Federal.

Ante as cámaras, Feijóo e Sánchez saudáronse cunha aperta de mans e a continuación tomaron asento en dúas cadeiras, con bandeiras de España e da Unión Europea detrás, que serviron de escenario para a súa reunión.

Este é o primeiro encontro de Feijóo ante o debate de investidura do 26 e 27 de setembro, ao que, se non hai cambios e sorpresas de última hora, chegará sen apoio suficiente para ser elixido presidente. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade