Felipe González e Mariano Rajoy defenden o bipartidismo como o mellor para España
Felipe González e Mariano Rajoy defenden o bipartidismo como o mellor para España
Os dous expresidentes participaron nunha mesa redonda no foro que se celebra na Toxa
Felipe González propón reformar a Constitución para preservar a integridade territorial
Ao xa clásico cara a cara entre os expresidentes Felipe González e Mariano Rajoy no foro que se celebra na Toxa incorporouse este ano o exprimeiro ministro portugués António Costa, que actualmente é o presidente electo do Consello Europeo.
A mesa redonda empezou falando sobre o estado actual e os retos da Unión Europea, pero derivou inevitablemente na política interna de España.
E aí houbo consenso entre os dous expresidentes en defender que o bipartidismo e o consenso é o que máis lle convén ao país.
"A polarización vén de arriba abaixo, non de abaixo arriba. Non se polarizou a sociedade. Cando os cidadáns votaron o que querían é que se puxeran de acordo", dixo Felipe González.
Mariano Rajoy, completou: "O bipartidismo, que tanta xente critica, fixo moito ben a este país desde que se aprobou a Constitución en 1978".
Ambos amosáronse convencidos de que os grandes problemas de España só se poden resolver con pactos de Estado entre o PSOE e o PP.
"A Constitución do 78 hai que reseteala, é a primeira vez que o digo en público, pero reformándoa con acordos básicos. Non queda outra que chegar a pactos de Estado, porque, outramente, marchamos polo sumidoiro", asegurou González.
Mariano Rajoy formulaba unha reflexión: Cal é o problema que rompeu esa tónica de consenso que foi tan útil para España? Eu creo que foi o Goberno Frankenstein. O día que o Frankenstein se instalou en España empezaron os problemas", dixo.
Entre un e outro, o presidente electo do Consello Europeo, o portugués António Costa, que fixo un diagnóstico optimista do futuro da Unión. Con grandes retos, dixo, pero con gran conciencia.