Publicador de contidos
Publicador de contidos

Recibe a alta o mozo acoitelado na Coruña por un grupo de adolescentes

Recibe a alta o mozo acoitelado na Coruña por un grupo de adolescentes

A vítima, con feridas graves no brazo, no lombo e no abdome, tivo que ser intervida cirurxicamente 

Segundo unha carta difundida pola irmá, protexía un amigo de 12 anos ameazado por un grupo de adolescentes

Santiago de Compostela rexistrou dúas agresións con arma branca o pasado mes de xaneiro

G24.gal 05/02/2023 08:41 Última actualización 05/02/2023 22:15

A Policía Nacional investiga o acoitelamento dun mozo de 18 anos no centro da Coruña, ocorrido pasadas as oito da tarde deste sábado. 

Os primeiros datos apuntan a que a vítima estaba con outros amigos nas pistas deportivas da praza de San Paulo cando foron abordados de xeito agresivo por un grupo duns quince adolescentes, entre os que podería haber menores de idade.

Segundo relata a irmá da vítima nunha carta aberta difundida nas redes, "defendeu un dos seus amigos de 12 anos das ameazas e intentos de agresión deste grupo de salvaxes para que deixasen a pista de baloncesto na que levaban xogando un rato".

"Ao ver que os agresores se poñían máis agresivos, meu irán e os seus amigos decidiron irse (...) para non ter problemas maiores", explica na misiva.

Foi entón cando lle asestaron, na rúa Médico Rodríguez, seis coiteladas, catro no brazo, unha no lombo e outra no abdome, "polas costas e do xeito máis mesquiño e covarde posible", engade o texto.

Ferido grave

O mozo, trasladado ao complexo hospitalario da Coruña con feridas graves, tivo que ser intervido cirurxicamente. Segundo confirma a Delegación do Goberno, recibiu a alta este domingo.

A irmá asegura que se recupera pouco a pouco das lesións físicas pero, "polo seu xeito de ser", o que máis lle preocupa son as "lesións psicolóxicas" que lle poidan quedar.

Investigación

A Policía Nacional está a tomar declaración a posibles testemuñas para localizar o autor do acoitelamento e esclarecer o acontecido. 

Segundo confirman fontes policiais, nos feitos están involucrados ao redor de 15 mozos pero hai un único agresor, que está a ser investigado. Polo momento, matizan, os datos non apuntan a que se trate dunha banda organizada para delinquir.

A irmá agradece o trato humano e profesional das forzas de seguridade e o "comportamento exemplar" da veciñanza e viandantes que auxiliaron a vítima. Ademais, pide xustiza para unha persoa "íntegra que foxe de todo problema". 

A carta difundida nas redes
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos