Ferido, por disparos israelís, outro casco azul da misión de paz da ONU no Líbano
Ferido, por disparos israelís, outro casco azul da misión de paz da ONU no Líbano
Xa son cinco os soldados das Nacións Unidas feridos en tres días por ataques atribuídos ás tropas xudías
A misión da ONU no sur do Líbano (FINUL) denunciou este sábado que un dos seus soldados quedou ferido "por disparos" atribuídos a Israel no seu cuartel xeral de Naqoura na noite do venres.
"Un soldado das forzas de paz que se atopaba no cuartel xeral en Naqoura foi alcanzado por disparos debido á actividade militar que se desenvolvía nas inmediacións", asegura a FINUL nun comunicado na súa conta en X.
Explicou que o casco azul ferido, cuxa nacionalidade non especificou, "foi sometido a unha cirurxía no noso hospital de Naqoura para extraerlle a bala e actualmente atópase estable".
A nota denuncia tamén que os edificios da FINUL na localidade meridional libanesa de Ramyah sufriron "danos importantes debido a explosións de bombardeos próximos".
"Lembramos a todos os actores as súas obrigas de garantir a seguridade do persoal e das instalacións das Nacións Unidas, o que inclúe evitar as actividades de combate preto das posicións da FINUL", reiterou.
Os cascos azuis atópanse no Líbano de conformidade coa resolución 1701 do Consello de Seguridade da ONU, que puxo fin á guerra de 2006 entre O Líbano e Israel.
Cinco soldados feridos
Nos últimos días, a FINUL denunciou que outros catro soldados resultaron feridos en incidentes similares, atribuídos a Israel, cuxo Exército está enfrontado na fronteira co grupo libanés xiíta Hezbollah desde hai un ano.
Desde fai tres semanas o Exército hebreo leva a cabo unha campaña de intensos bombardeos contra o sur, o leste do Líbano e Beirut, que provocou a morte da maior parte das máis de 2.200 persoas que perderon a vida no Líbano desde outubro de 2023.