Feridos de gravidade unha parella e o seu bebé de dez días tras incendiarse a súa casa en Cuntis
Feridos de gravidade unha parella e o seu bebé de dez días tras incendiarse a súa casa en Cuntis
A parella, con queimaduras moi graves, foi trasladada en helicóptero medicalizado ao Hospital da Coruña
O bebé, de dez días, con prognóstico reservado, non ten queimaduras e foi trasladado á Unidade de Pediatría do Hospital de Santiago
Unha parella de Cuntis está ferida de gravidade, con queimaduras en case todo o corpo, e a súa meniña ten prognóstico reservado por inhalación de fume tras incendiarse a súa casa en Cuntis.
O terrible suceso rexistrouse contra as tres da tarde nunha vivenda do lugar da Raxeira, na parroquia de San Miguel de Couselo.
O lume puido orixinarse na cociña da casa, debido ao mal funcionamento dun radiador eléctrico que, segundo os técnicos de emerxencias, tería producido unha deflagración.
O home, de 35 anos, presenta queimaduras moi graves en todo o seu corpo e foi trasladado nun helicóptero medicalizado á unidade de queimados do hospital da Coruña.
A muller, que ten 29 anos, tamén se atopa en estado moi grave e ten queimaduras na totalidade do seu corpo, das que está a ser atendida tamén na unidade de queimados do mesmo hospital.
A filla da parella, unha meniña de dez días, foi trasladada ao Hospital de Santiago, onde quedou ingresada na Unidade de Pediatría. O bebé está en observación e baixo prognóstico reservado; non ten queimaduras pero inhalou fume durante o incendio.
O lume concentrouse na cociña, onde houbo grandes danos nas paredes e no teito, pero a intervención dos servizos de emerxencia impediu que o lume se propagase polo resto da casa.
A explosión do radiador afectou primeiro o home e, posteriormente, á súa muller, mentres que a nena foi localizada polos servizos de emerxencias cando entraron na vivenda, ante a desesperación dos pais.
Ata o lugar, ademais dos bombeiros e o 061, trasladáronse axentes da Policía Local de Cuntis e da Garda Civil, efectivos do GES da Estrada e voluntarios de Protección Civil para colaborar con todo o dispositivo despregado.