Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fernández Prieto ingresa na Real Academia Galega reivindicando "a memoria silenciada"

Fernández Prieto ingresa na Real Academia Galega reivindicando "a memoria silenciada"

Ocupa a vacante producida polo pasamento en 2020 da poeta Luz Pozo Garza

G24.gal 03/06/2023 21:23

Lourenzo Fernández Prieto ingresou este sábado oficialmente na Real Academia Galega como académico de número. O acto desenvolveuse no teatro Jofre de Ferrol.

No seu discurso o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago reivindicou o papel da historia e a importancia da memoria "silenciada" na historiografía.

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela centrou o discurso de recepción como académico de número na relación entre historia, memoria e política no contexto da Transición democrática en Galicia a partir dunha discusión pública que tivo como protagonistas a Valentín Paz-Andrade, senador electo na reinaugurada democracia en 1977, e Camilo José Cela, senador por designación real.

O episodio rescatado, relacionado coa reivindicación galeguista dun Estatuto de Autonomía que apelase ás raíces republicanas, é para o historiador "un exemplo claro da fondura do noso esquecemento colectivo, alén dese repetido mantra do pacto do esquecemento da Transición", e de como "o relato do pasado, tamén o das vítimas, sempre está dominado polo vencedor. Máis aínda cando o vencedor foi verdugo".  

"Hai aspectos do pasado que foron escondidos por outros, ou que simplemente pasaron desapercibidos, e recuperalos permiten construír un relato máis plural e máis democrático do noso pasado", reflexionou.

Para o novo membro da RAG, a misión da historia "non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar, entender no pasado e explicar, desde a distancia do presente e cos nosos valores, que é o que non queremos herdar do pasado, pero tamén o que queremos herdar".

Un obxectivo no que a memoria cobra relevancia "como medio para facer historia, nunca para substituíla", matizou.  O investigador traballa desde os seus comezos no campo da historia agraria e desde 2006 desenvolve tamén unha importante liña de estudos sobre a memoria do golpe de 1936, da guerra civil e da represión do franquismo.

Luz Pozo Garza

Na súa intervención, Fernández Prieto tamén tivo palabras para Luz Pozo Garza (1922-2020). Fernández Prieto ocupa a vacante producida en 2020 polo pasamento da poeta.

O seu sucesor retratouna como "unha muller doutro mundo en plena ditadura" e subliñou a través dela "o papel feminino" na recuperación da democracia.

O director da Sección de Historia, o académico Ramón Villares, completou na súa resposta de benvida en nome da institución o retrato do novo académico, un "intelectual comprometido coa causa da lingua e da cultura de Galicia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade