Publicador de contidos
Publicador de contidos

A FIFA suspende durante 90 días a Rubiales "de toda actividade vencellada co fútbol"

A FIFA suspende durante 90 días a Rubiales "de toda actividade vencellada co fútbol"

Apártao con efecto inmediato e de forma provisional de "toda actividade relacionada co fútbol nacional e internacional"

Tamén recibe unha prohibición de contactar coa futbolista e co seu círculo

Pedro Rocha, presidente interino da RFEF tras a decisión da FIFA con Rubiales

O concello de Motril prohibe o partido de amigos que ía xogar o presidente da Federación no estadio municipal

G24.gal 26/08/2023 14:37 Última actualización 26/08/2023 21:54

Duro comunicado por parte da FIFA no que informa de que o presidente da Federación Española de Fútbol queda "suspendido de todas as actividades relacionadas co fútbol a nivel nacional e internacional".

O organismo tamén prohibe a Luis Rubiales a contactar directamente ou mediante terceiros coa xogadora Jennifer Hermoso.

A FIFA condena estes actos e deixa claro que non proporcionará máis información sobre os procedementos disciplinarios ata a resolución final.

"Esta suspensión, que será efectiva desde o día de hoxe, esténdese por un período inicial de noventa días e sempre que se tramita o procedemento disciplinario aberto por esta Comisión Disciplinaria contra o señor Luis Rubiales o xoves 24 de agosto", indica nun comunicado o máximo organismo do fútbol mundial.

A suspensión chega un día despois de que Luis Rubiales anunciara na asemblea xeral ordinaria da RFEF, celebrada en Madrid, que non ía dimitir, tras xustificar o que ocorreu na final do mundial feminino, na que, no palco, levou as mans aos seus xenitais ao acabar o encontro e na cerimonia de entrega de medallas bicou na boca a xogadora Jenni Hermoso.

Rubiales asegurou que foi un "bico espontáneo, mutuo, eufórico e consentido", entre outras aseveracións, o que foi desmentido pola futbolista posteriormente.

O presidente da Comisión Disciplinaria de FIFA,  o colombiano Jorge Iván Palacio, "ao obxecto de preservar, entre outros factores, os dereitos fundamentais da xogadora da selección nacional de fútbol a señora Jennifer Hermoso e a boa orde do procedemento disciplinario que se atope en tramitación ante este órgano disciplinario", ditou dúas directivas adicionais "mediante as que ordena ao señor Luis Rubiales que se absteña, el mesmo ou mediante terceiros, de contactar ou tentar contactar coa xogadora profesional da selección nacional española a señora Jennifer Hermoso ou a súa contorna próxima".

"Igualmente, ordénase á RFEF e aos seus oficiais ou empregados, de maneira directa ou a través de terceiros, absterse de contactar coa xogadora profesional da selección nacional española dona Jennifer Hermoso ou á súa contorna próxima", apunta.

Esta decisión, segundo precisa o comunicado da FIFA, foi comunicada este mesmo sábado a Rubiales e á UEFA, "para o seu debido cumprimento".

Os tempos no proceso da FIFA non prevían unha decisión tan rápida. Pero a agresiva alocución do xa suspendido dirixente do fútbol español na asemblea, cos seus ataques ao feminismo e presentándose como vítima dos impulsos da xogadora, non fixeron máis que promover a actuación do comité discliplinario mundial.

Iván Palacios é un duro xurista membro da comisión de xénero do Poder Xudicial de Colombia, e coñecido por promover os dereitos das mulleres e a comunidade LGTBI no seu país.

A suspensión xa activou xa os mecanismos federativos. Pedro Rocha, o presidente da territorial estremeña escollido por Rubiales para substituílo, asume a presidencia interina da RFEF, anunciou o organismo nun comunicado este sábado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade