Publicador de contidos
Publicador de contidos

O rei resolverá o luns e o martes a rolda de consultas, con sete partidos

O rei resolverá o luns e o martes a rolda de consultas, con sete partidos

ERC asegura que sen amnistía non haberá investidura: "É unha liña vermella"

ERC, Bildu, Junts e BNG declinaron acudir á Zarzuela

Filipe VI recibiu esta mañá a presidenta do Congreso e o presidente do Senado

Felipe VI recibe a Francina Armengol na Zarzuela (EFE/ Chema Moya POOL) Felipe VI recibe a Francina Armengol na Zarzuela (EFE/ Chema Moya POOL)
G24.gal 18/08/2023 12:01 Última actualización 18/08/2023 19:48

O rei abrirá o vindeiro luns a rolda de consultas cos grupos políticos con representación parlamentaria da que sairá o nome do candidato proposto a presidir o Goberno.

Segundo informou a Casa Real, a rolda comezará o luns ás 10:30 horas con UPN, CC, PNV e Sumar e seguirá o martes con Vox, PSOE e PP.

Tras recibir esta mañá o rei en audiencia no Palacio da Zarzuela a nova presidenta do Congreso, a socialista Francina Armengol, onde esta informoulle da composición da Cámara baixa, ábrese agora a rolda de consultas cos sete representantes políticos que acudirán á Zarzuela, unha vez que ERC, EH Bildu, Junts e BNG declinaron a súa asistencia.

O rei recibirá o luns 21 de agosto, a partir das 10:30 horas, a Javier Esparza, de UPN, e a Cristina Valido, de Coalición Canaria; e pola tarde, a partir das 16:00 horas, a Aitor Esteban, do PNV e Yolanda Díaz, de Sumar.

O martes será a quenda dos representantes dos tres partidos que obtiveron un maior número de escanos nas pasadas eleccións do 23 de xullo: o presidente de Vox, Santiago Abascal (10:30 horas); o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez (12:00 horas) e pechará a rolda co presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo (16:00 horas).

Ademais de reunirse con Armengol, o rei recibiu este mediodía o novo presidente do Senado, Pedro Rollán, do PP.

O rei recibe en audiencia o novo presidente do Senado, Pedro Rollán (EFE/ Chema Moya POOL) O rei recibe en audiencia o novo presidente do Senado, Pedro Rollán (EFE/ Chema Moya POOL)

Dous aspirantes á investidura

O rei terá que facer fronte a próxima semana a unha rolda de consultas inusual para designar candidato á investidura xa que, por primeira vez nos últimos anos, hai dous candidatos que aspiran a pedir a confianza do Parlamento: Alberto Núñez Feijóo, como gañador das eleccións do 23 de xullo e con 171 votos comprometidos, e Pedro Sánchez, que se ve capaz de tecer alianzas e sumar votos suficientes para superar a votación, como logrou para facerse coa maioría e a Mesa do Congreso.

O artigo 99 da Constitución establece que, "despois de cada renovación do Congreso dos Deputados, o rei, previa consulta cos representantes designados polos grupos políticos con representación parlamentaria, e a través do presidente do Congreso, propoñerá un candidato á Presidencia do Goberno".

A Carta Magna non determina que deba ser candidato o gañador das eleccións, simplemente relata que será investido presidente quen logre a confianza do Congreso, sexa nunha primeira votación con maioría absoluta ou nunha segunda con máis votos a favor que en contra.

Por tanto, é o Congreso quen elixe ao novo presidente do Goberno, pero é o rei quen decide quen se someterá ao debate de investidura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade