Filipe VI volve xurar bandeira en Zaragoza coa princesa Leonor como testemuña
Filipe VI volve xurar bandeira en Zaragoza coa princesa Leonor como testemuña
O monarca incorporouse á compañía da súa promoción do Exército de Terra co gallo do seu 40 aniversario
Leonor graduarase de alférez no mes de xullo e despois pasará pola academia da Armada de Marín
O rei Filipe VI volveu xurar bandeira este sábado no 40 aniversario da súa promoción do Exército de Terra. A princesa Leonor participou no acto castrense xunto aos seus compañeiros cadetes.
É a segunda vez que o Rei e a súa filla, que xurou bandeira en outubro, coinciden no patio de armas da Academia de Zaragoza.
A academia militar de Zaragoza recibiu os reis con salvas e co himno nacional. Tras pasar revista ás unidades, Filipe e Letizia dirixíronse ao palco, pasando por diante do grupo no que se atropaba a princesa Leonor, como dama cadete do segundo curso.
Para o xuramento, Filipe VI incorporouse á compañía da súa promoción e foi o primeiro en desfilar ata a bandeira, que bicou entre os aplausos do público. Tras o monarca marcharon os seus compañeiros, que hoxe son mandos dos tres exércitos e da Garda Civil.
Pecharon o desfile as viúvas e os fillos dos integrantes da promoción xa falecidos. A cerimonia finalizou coa homenaxe aos caídos e o desfile dos cadetes.
É a terceira vez que Filipe de Borbón xura a bandeira en Zaragoza. A primeira vez foi en 1985, con 17 anos, sendo cadete, como hoxe é a súa filla e herdeira, a princesa Leonor, testemuña deste acto.
Imaxe inédita
Foi unha imaxe inédita na historia de España, da coroa e da academia, como manifestou na súa intervención en nome do grupo, o tenente xeral da UME e oficial máis antigo, Francisco Javier Marcos.
Hai sete meses era o Rei quen presenciaba a xura de bandeira da súa filla neste mesmo patio de armas da academia miliar de Zaragoza. O próximo 15 de xullo, Leonor de Borbón graduarase como alférez e despois ingresará na academia da Armada en Marín.