Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fin de semana para fartar de lamprea en Arbo

Fin de semana para fartar de lamprea en Arbo

Con esta 62ª edición, é a festa gastronómica máis antiga de Galicia

G24.gal 22/04/2022 21:24

Dobre celebración en Arbo esta fin de semana: volveu tras dous anos de parada forzosa a Festa da Lamprea declarada de Interese Turístico Nacional e fíxoo co anuncio de que a outra festa da Lamprea, a da Seca de agosto, acadou tamén ese recoñecemento.

Pero na vila queren máis. Aspiran á declaración de interese internacional e con ese obxectivo, di o alcalde que regresan coa mesma forza de antes ou máis.

"Faino con máis forza se cabe, faino con moitas ganas, con moita ilusión, a ilusión de toda unha vila que quere recuperar a tradición de homenaxear a raíña do Miño, o noso principal sinal de identidade, e os nosos viños" asegura Horacio Gil, alcalde de Arbo.

E corrobórano os veciños que xa tiñan gañas da súa festa, gañas de troula e de ver a vila con xente e probando os seus produtos.

Porque disque a lamprea non sabe o mesmo en todos lados. Esta de Arbo, por exemplo, conta unha veciña que "é máis dura, no paladar é máis saborosa ca a de abaixo, non sabe tanto a lodo"

A festa vai ter todas as versións posibles de receitas con lamprea: en empanada, guisada, asada, seca, rechea, ... un peixe prehistórico que arrinca paixóns, sobre todo, entre os locais afeitos ao seu forte sabor e que teñen unha clara preferencia; a lamprea con tirabeques e fideos. 

Outro local afirma que "unha vez que a probas ou che gusta ou non, pero se che gusta gústache para toda vida"

Todos agardan con agarimo aos que queiran pasar por Arbo esta fin de semana desfrutar dunha intensa programación festiva e, por suposto, dun bo prato de lamprea. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade