Finlandia oficializa a súa decisión de entrar na OTAN malia as advertencias de Rusia
Finlandia oficializa a súa decisión de entrar na OTAN malia as advertencias de Rusia
O Kremlin ameaza con tomar accións políticas e militares
A guerra en Ucraína foi o empurrón definitico para que Finlandia dea o paso de incorporarse á Alianza Atlántica. Nunha mensaxe conxunta, o presidente do país e a primeira ministra apoian o ingreso na OTAN de maneira urxente.
O Parlamento finlandés debaterá o asunto o próximo luns, pero a maioría das formacións xa anunciaron publicamente que votarán a favor. Consideran que é a mellor opción para garantir a seguridade nacional fronte a Rusia, coa que comparten unha fronteira terrestre duns 1.300 quilómetros e á que agora mesmo ven como unha ameaza.
O Kremlin teme que detrás de Finlandia sexa Suecia a que pida a incorporación á Alianza Atlántica. E advírtelles a ambos países que a decisión traerá graves consecuencias políticas e militares.
Pero as mensaxes intimidatorias de Moscova parecen non importarlles nin aos dirixentes nin á poboación de Finlandia. As enquisas amosan un cambio radical na opinión pública desde que empezou a guerra. Agora mesmo o 76 por cento dos cidadáns quere ingresar na Alianza Atlántica fronte ao 20 por cento de principios de ano.
A OTAN agarda por Finlandia cos brazos abertos e comprométese a axilizar os trámites para a súa adhesión. Ademais ofrécelle protección mentras se completa o proceso, que pode durar un ano.
O ingreso de Finlandia na Alianza Atlántica poría fin definitivamente á política de neutralidade que tivo o país nórdico desde o inicio da Guerra Fría, aínda que na última década xa estreitou notablemente as súas relacións coa OTAN.