Fiscalía e acusación piden 25 anos de prisión para o acusado polo crime do Birloque
Fiscalía e acusación piden 25 anos de prisión para o acusado polo crime do Birloque
O xurado comeza a deliberar este martes
A Fiscalía e a acusación particular insistiron este luns, na conclusión do xuízo contra o acusado de matar a sua exparella no barrio coruñés do Birloque, na súa petición de 25 anos de cárcere por asasinato, mentres que a súa defensa reclamou unha vez máis a libre absolución.
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña acolleu a última sesión do xuízo contra un home de 51 anos para o que a Fiscalía e a acusación particular piden 25 anos de cárcere por asasinato, mentres a súa defensa reclama a libre absolución ao soster que está eximido de responsabilidade penal porque tiña alteradas as súas capacidades cognitivas e volitivas.
Tras dúas semanas de proceso, as partes expuxeron ao xurado as súas conclusións tras a proba practicada, polo que solicitan o mesmo que ao principio do xuízo excepto o furto -pensaban que se apropiou de diñeiro da vítima para fuxir-, unha acusación retirada.
Segundo a Fiscalía e a acusación particular, el supostamente ameazábaa cando ela lle manifestou a súa vontade de acabar coa relación e posteriormente, en setembro de 2021, apuñalouna en numerosas ocasións por detrás "de forma sorpresiva e repentina".
Por estes feitos, a Fiscalía e a acusación piden 25 anos de prisión por asasinato e unha indemnización de 80.000 euros para os dous fillos- dunha relación anterior dela- e o pai da vítima.
A defensa do procesado está baseada en que non era consciente do que facía, tras inxerir alcol, pastillas e fentanilo -un forte opiáceo-.
El mesmo alegouno o primeiro día do xuízo, cando explicou que levaba tempo con diversos tratamentos e dixo que mesmo estivera ingresado en varios psiquiátricos.
A contorna da vítima, pola súa banda, coincidiu no seu momento en que ela quería romper co acusado cando se produciron os feitos.
Os forenses que declararon durante o proceso descartaron que padecese patoloxías e concluíron que non é posible demostrar o que consumira aquel día, aínda que o taxista que o levou cando fuxía aclarou no seu momento que falou con el e non o viu afectado por ningún tipo de substancia.
O acusado non utilizou a súa última palabra, mentres que o xurado recibirá este martes o obxecto do veredicto e, a partir de aí, empezará as súas deliberacións.