Flexibilidade e calidade docente: a UNED oferta máis de 30 titulacións en Galicia
Flexibilidade e calidade docente: a UNED oferta máis de 30 titulacións en Galicia
O prazo de matrícula na Universidade de Educación a Distancia está aberto ata o 22 de outubro
Tras máis de medio século de implantación en Galicia, a UNED súmase á oferta da universidade pública con máis de 30 titulacións de todas as ramas. A maioría dos alumnos escollen a universidade a distancia pola liberdade que lles ofrece para deseñar os cursos e os horarios, que moitas veces mesmo poden facer compatibles coa vida laboral.
"E son de Vilagarcía de Arousa e tento vir aquí unha vez por semana para poder usar as instalacións. Antes estudei a carreira de Economía e agora decántome por estudar Administración e Dirección de Empresas. Así podo xestionar eu os meus tempos. Temos biblioteca, ordenadores, unha rede de Internet moi rápida...", conta Bruno Pouso, estudante de ADE na UNED.
"Ademais tes titorías cos profesores, e se queres poden axudarche en todo momento, mesmo que non veñas presencialmente. Noutras universidades, se hai 100 alumnos nunha aula, non che van facer tanto caso. Aquí é case coma unha familia e vanche axudar máis", engade Emma Vázquez, que se decidiu pola UNED para estudar Psicoloxía.
Bruno e Emma forman parte do 30 % de estudantes novos que escollen a UNED pola flexibilidade horaria. Outro 30 % son persoas que traballan e queren compatibilizar os estudos e a vida laboral. E a outra terceira parte son persoas maiores que buscan na UNED a oportunidade de formación que non tiveron de novos ou queren indagar nos asuntos que lles apaixonan.
Jesús Vasconcellos é funcionario do Estado. El xa está licenciado en Ciencias Políticas na UNED e que segue ampliando a súa formación. Escolle materias que son útiles na súa actividade profesional.
"Todo o que ten que ver coa comunicación, a oratoria ou a comunicación non verbal é do meu interese. E o servizo de extensión universitaria ofréceme a posibilidade de afondar niso", explica Jesús.
A UNED ofrece aquí trinta titulacións e tamén microtitulacións de trinta créditos para afondar na libre configuración do currículo.
"Somos a cuarta universidade pública de Galicia e o máis importante é que non temos nota de corte. Outra das vantaxes é que calquera alumno da UNED non ten a obriga de matricularse dun curso completo. Poden ir ao ritmo que eles decidan. Respondemos moi ben ás necesidades da sociedade actual, en que a dispoñibilidade de tempo é tan importante", di Alfonso Vázquez, subdirector da UNED de Pontevedra.
Cómoda e con saída laboral, a UNED ten convenios de prácticas coas administracións e a empresa privada.