Forestal del Atlántico busca impulsar o proxecto de metanol verde en Mugardos
Forestal del Atlántico busca impulsar o proxecto de metanol verde en Mugardos
A empresa presentou a candidatura para acceder aos fondos europeos Innovation Fund
A Xunta solicitou ao Goberno central unha modificación da planificación eléctrica actual
Representantes da empresa Forestal del Atlántico, que creará unha planta de metanol renovable en Mugardos, mantiveron este sábado unha reunión co conselleiro de Economía, Industria e Innovación para coñecer os avances deste proxecto industrial estratéxico.
A empresa Forestal del Atlántico traballa coa Xunta para sacar adiante o proxecto de produción de metanol verde na comarca de Ferrolterra.
Desde o Goberno autonómico apoian a candidatura que presentou esta empresa para acceder aos fondos europeos Innovation Fund, financiamento que consideran fundamental para a viabilidade do proxecto, que esperan sexa unha realidade a finais de 2026.
"Esperamos que entre todos sexamos capaces de sacar este proxecto adiante que é importante para Galicia, que é importante para cumprir obxectivos como é o da descarbonización", di Andrés Fuentes, director xeral de Forestal del Atlántico.
A Xunta solicitou ao Goberno central unha modificación da planificación eléctrica actual para garantir a execución futura deste proxecto.
"Que poida ser incluído na planificación eléctrica do ano 2021-2026, como lle temos trasladado á vicepresidenta do Goberno, porque hai unha necesidade real para que o proxecto se poida conectar e ter ese abastecemento eléctrico. É un proxecto maduro, é un proxecto innovador, un proxecto que Galicia precisa para poder posicionarse nesta descarbonización da industria", destaca Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación.
Este proxecto, baixo o nome de Triskelion que contribuirá á descarbonización do sector industrial galego, contará cun investimento de preto de 180 millóns de euros.