Publicador de contidos
Publicador de contidos

Formoso seguirá como alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña

Formoso seguirá como alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña

Nunha entrevista na Radio Galega, o novo líder do PSdeG avanza que nos próximos días empezará a deseñar unha executiva "integradora"

Formoso non concreta se pensa en ser o candidato dos socialistas nas próximas autonómicas

Descarta o regreso á primeira liña da política de José Ramón Gómez Besteiro

G24.gal 31/10/2021 19:13

Valentín González Formoso asume as rendas do partido coa idea de desenvolver un novo modelo de PSdeG. A súa prioridade nas próximas semanas, ata o congreso da formación a primeiros de decembro, será o deseño da executiva. Nunha entrevista este domingo na Radio Galega, avanzou que pretende que sexa unha dirección "integradora", sen mirar a sensibilidade de cadaquén nin a quen votou nas primarias. E nega igualmente unha dicotomía norte-sur, malia que el gañou na Coruña e Lugo e Gonzalo Caballero en Pontevedra e Ourense.

O novo líder dos socialistas galegos di que non pensou aínda en cambios de funcións no grupo parlamentario nin en quen será o voceiro do partido na cámara. E di que non cre que o vaia condicionar non ter escano no Hórreo:

"A vida da xente non está no Parlamento de Galicia. Creo que a xente pesca fóra do Parlamento, a xente moxe as súas vacas fóra do Parlamento, corta a súa madeira fóra do Parlamento e investiga fóra do Parlamento, e polo tanto e aí onde temos que facer que a sociedade vexa que conectamos."

Valentín González Formoso confirma que vai compatibilizar a secretaría xeral cos seus cargos institucionais como alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña.

"Se o presidente do Goberno de España, manexando un orzamento de 500.000 millóns de euros, é secretario xeral do partido creo que se pode compatibilizar unha entidade que manexa 180 millóns de euros cun cargo orgánico."

O que non concreta o novo líder do PSdeG é se ademais da secretaría xeral pensa en ser tamén o candidato nas próximas autonómicas.

"Temos tres anos por diante para ver se este novo modelo de partido calla na sociedade. Se calla será a propia sociedade a que nos empurre a tomar decisións no ámbito das candidaturas. E se non calla eu creo que os proxectos de hiperliderado e egoísmo orgánico son algo do pasado que me podo comprometer a que non existirán na miña etapa."

González Formoso descarta que nesta nova etapa do socialismo galego José Ramón Gómez Besteiro volva á primeira liña da política.

O novo líder dos socialistas galegos reivindica a autonomía do PSdeG fronte a Ferraz e avanza unha oposición ao Goberno galego "construtiva, esixente e leal".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade