Formoso e Caballero reúnense por primeira vez tras as primarias
Formoso e Caballero reúnense por primeira vez tras as primarias
O Pazo do Hórreo foi o escenario en que se produciu a imaxe conxunta entre o secretario xeral do PSdeG electo Valentín González Formoso e o portavoz parlamentario
Gonzalo Caballero: "Fun elixido polos galegos para estar no Parlamento"
Cinco días despois das primarias do PSdeG chegou a imaxe do saúdo entre o secretario xeral electo e o seu predecesor. González Formoso e Caballero coincidiron no Parlamento, onde o ata agora líder dos socialistas galegos vai seguir como voceiro do grupo, polo menos ata o congreso do partido.
A imaxe que non se produciu na noite do sábado tras as primarias socialistas viuse nos corredores do Parlamento, momentos antes de que o presidente da Deputación da Coruña interviñese na comisión de presupostos.
O novo líder do PSdeG apoia que Gonzalo Caballero se manteña como voceiro do grupo, polo menos ata o congreso do partido, que se celebrará o 7 e 8 de decembro. "Os cambios non van ser acelerados, sen reflexión previa. Que Gonzalo siga de portavoz paréceme o correcto", asegurou Valentín González Formoso.
O secretario xeral do PSdeG, que non é deputado, non ve problema en liderar o partido dende fóra do Parlamento. "Dende a normalidade, sendo consciente de que a política no só se fai intramuros do Parlamento", sinalou.
Gonzalo Caballero insiste en que a súa intención é continuar no Pazo do Hórreo. "Teño a miña vontade de manter o compromiso para traballar dende a esquerda polos galegos, con total lealdade ao secretario xeral. Pero tamén sendo consciente de que fun elixido polos galegos para estar no Parlamento", dixo.
Tras o saúdo público, os dous rivais nas primarias reuníronse brevemente no despacho de Caballero no Hórreo.