Publicador de contidos
Publicador de contidos

Formoso: "Hai que mellorar o motor económico e afrontar o reto demográfico"

Formoso: "Hai que mellorar o motor económico e afrontar o reto demográfico"

Valentín González Formoso afronta o terceiro mandato como presidenta da Deputación da Coruña con plans de novos investimentos e servizos públicos

Confirma que antes das eleccións autonómicas haberá un candidato do PSdeG elixido pol militancia

Confía en que Sánchez logre os apoios para a investidura

G24.gal 12/09/2023 11:13

No Bos días deste martes completamos o mapa das deputacións galegas saídas das eleccións municipais do 28 de maio, coa da Coruña. Valentín González Formoso é o seu presidente, tamén alcalde das Pontes, despois deses mesmos comicios e secretario xeral dos socialistas galegos.

Formoso afronta o seu terceiro mandato con traballo que hai que seguir desenvolvendo, como é mellorar o motor económico da provincia, a creación de emprego e o reto demográfico.

"Nestes anos creamos 3.000 empresas en que investimos 100 millóns de euros desde a Deputación. Creamos máis de 4.000 empregos directos e apoiamos 1.200 emprendedores e emprendedoras, co que conseguimos que a súa idea de vida laboral non tivera que acabar en Barcelona, en Madrid ou Londres", dixo Formoso.

O presidente da deputación da Coruña dixo que hai que afrontar o reto demográfico con novos plans de investimentos e dotación de servizos públicos.

"Temos aldeas sen nenos e nenas, os colexios baleiros, as rutas de transporte paralizadas con poboacións que parecen o oeste, onde pasa unha dilixencia unha vez a semana", asegurou.

O interese de Galicia ten que decidir a data electoral

En canto a convocatoria de elección en Galicia afirmou que está nas mans do presidente da Xunta, e cando o decida o partido socialista estará preparado porque "é un partido moi vivo, con moitas alternativas e cun sistema democrático de elección o que demostra que non só falamos de democracia senón que a practicamos".

Formoso asegurou que as eleccións galegas non teñen porque depender a axenda de investidura de Madrid, hai un mandato que cumprir e non temos que andar a cambiar nas decisións que se tomen, en referencia ao que caulificou de "simulacro de adianto electoral por parte de Rueda".

"Nós levamos tempo abraiados vendo como (Alfonso Rueda) se levanta, por un lado vendo o calendario e, por outro, mirando o whatsapp de Alberto Núñez Feijóo, vendo que lle ordena para Galicia. Alfonso Rueda ten que crer que é o presidente da Xunta de Galicia, ser consciente de que se debe aos galegos e galegas", afirmou Formoso. 

Este mes estaba prevista a celebración de primarias no PSdeG, que se paralizaron polo proceso de investidura pendente en Madrid, algo que se vai alongando no tempo, e aínda non hai unha data pechada. Formoso asegurou que cando se convoquen eleccións os socialistas xa terán elixido o seu candidato ou candidata, co coñecemento de ser o partido que ten maior representación entre os galegos e galegas. 

"Non podemos estar permanentemente pendentes das primarias. O partido ten un sistema democrático que funciona, o único partido en España que o ten, onde a militancia escolle o presidente ou presidenta da Xunta de Galicia, o do Goberno de España, hai que poñelo en valor e fala a favor do partido", di Formoso.

Transferencia da AP-9 

O Parlamento debateu este martes unha cuarta petición da transferencia da AP-9, da autoestrada do Atlántico, a Galicia, unha petición que Formoso cualificou de "sensata".  Pero dixo que o que lles preocupa aos galegos e galegas non é de quen sexa a titularidade, é que os beneficios que se saquen desa explotación queden en Galicia e non nun fondo de investimento que está no estranxeiro.

"Aos galegos e galegas preocúpalles que se suban as peaxes dun xeito razoable, non buscando un beneficio empresarial, senón un beneficio social dunha infraestrutura que é un eixe transversal para Galicia, malia os que dicían que era unha "navallada na terra" o tempo fixo que se acreditara a súa necesidade. Que sexa o máis barata posible, e que estea o máis conservada posible".

O proceso de investidura

En canto á investidura á presidencia do Goberno en Madrid, dixo que mentres que Feijóo vía esta investidura como difícil, pero posible, os socialistas xa o vían como imposible. Ao seu entender, indica que o PP non é capaz de ter máis interlocución que a ultradereita en España, e o partido socialista si que pode falar co resto de partidos.

"O PP ten a necesidade de reinventarse e teña unha menta máis aberta para poder relacionarse en política. Ao final o partido socialista terá a responsabilidade de afrontar unha investidura co método do diálogo e dentro do marco constitucional". 

González Formoso subliñou que a democracia é dialogar. Lembrou que cando o Goberno de Zapatero sentou coa ETA para dialogar dicíase que se ía vender España e Navarra.

"Dicían que iamos axeonllarnos ante os terroristas, ninguén se axeonllou, a sociedade venceu a ETA cun goberno socialista e negociando. Navarra é Navarra, España non está dividida, pero non hai terrorismo. Hai que dialogar dentro do marco constitucional e tendo claro o principio de igualdade de todos os españois". 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade