Formoso: "Se de min depende, serei candidato á presidencia da Xunta"
Formoso: "Se de min depende, serei candidato á presidencia da Xunta"
Formoso destacou que no Parlamento de Galicia todos terán a súa función e que Gonzalo Caballero tamén
Destacou que a prioridade agora debe ser resolver o atranco no sistema sanitario e que o Goberno galego terá todo o apoio dos socialistas
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, vai cubrindo etapas dende que foi elixido para o cargo. Agora está cos cambios no grupo parlamentario. Este luns foi ratificado o novo voceiro parlamentario, Luís Álvarez. Formoso foi claro: quere que Álvarez sexa a correa de transmisión da nova dirección do partido. Ademais do novo voceiro, o grupo ten tamén novos vicevoceiros: Julio Torrado, Begoña Rodríguez Rumbo e Leticia Gallego.
O secretario xeral dos socialistas galegos participou nunha entrevista no informativo Bos días, onde manifestou que no Parlamento xa están practicamente feitos os cambios e que por diante teñen un reto importante como é o de ser "a correa da transmisión daquelas inquedanzas que a sociedade galega lle transmita ao partido nas xuntanzas que están a manter cos diferentes colectivos".
Formoso destacou que o traballo entre o grupo parlamentario e o partido vai ser coma sempre e que as instrucións políticas nacen no seo dos órganos executivos do PSdeG. Cre que a coordinación das áreas da executiva galega e do Parlamento de Galicia sempre operou dunha maneira fluída, onde todos teñen moito que achegar, e que así seguirá sendo.
Gonzalo Caballero
En canto ao papel que terá Gonzalo Caballero, o secretario xeral do PSdeG-PSOE salientou que no grupo todos terán a súa función e que levará unha área en que se sente cómodo, como pode ser a económica. O obxectivo é que o grupo sexa dinámico e activo para ser depositarios da confianza dos galegos.
Órganos provinciais
Coa renovación dos órganos provinciais, Formoso destacou que as primarias xeran confrontacións de proxectos. Cre que nalgunhas provincias haberá acordos, como foi o caso de Lugo, e noutras haberá votación final. Calquera das dúas fórmulas, implica, dixo, "que a democracia impera no Partido Socialista".
Axenda política
Sobre quen marca a axenda política dos socialistas galegos, Formoso destacou que "son representantes dunha ideoloxía en Galicia e que a quen van representar é aos galegos e que esa é a visión que deben ter os socialistas galegos". Afirmou que a axenda a marca a sociedade galega e que a principal realidade que teñen que afrontar é o sistema sanitario galego. Destacou que o Goberno galego terá todo o apoio dos socialistas. En canto a outros intereses, dixo que o partido socialista vai estar con Galicia e que non haberá confrontación coa Xunta ou co Executivo.
Sen acta de deputado
Moitos dos asuntos aos que se referiu Formoso debátense no Parlamento de Galicia, onde el non ten acta de deputado. Cre que iso lle dificulta un pouco o seu labor político, pero que o ilusiona esa realidade. Afirma que "será a forza dos socialistas galegos na cámara os que trasladen as reflexións no debate oportuno".
Macrogranxas
Sobre a polémica das macrogranxas, dixo que as declaracións do ministro Garzón non foron afortunadas e pediulle que sexa "máis prudente", porque "cando se fan ese tipo de declaracións no estranxeiro, iso ten unha influencia negativa". Dixo que o sector cárnico emprega en Galicia 20.000 familias e que é un produto de calidade. Non quixo entrar en se debería de dimitir e convidouno a visitar unha granxa galega e que vexa cal é a súa realidade.
Candidato á Xunta
Faltan aínda dous anos longos para celebrar eleccións en Galicia. Polo de agora, non está decidido se Formoso será o candidato á presidencia da Xunta. Sobre este asunto, o secretario xeral dos socialistas galegos dixo que "será se os galegos e galegas así o queren", e que "se de min depende, serei candidato á Xunta". Afirmou que será a militancia quen referende a súa intención, pero que non se presentará se a súa mensaxe non cala en Galicia.