Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fracasa a reunión do Goberno francés e os sindicatos polas pensións

Fracasa a reunión do Goberno francés e os sindicatos polas pensións

Mañá xoves será a undécima xornada de mobilización nacional contra a reforma

G24.gal 05/04/2023 13:19

A reunión entre a primeira ministra francesa e os sindicatos sobre a reforma das pensións concluíu nun "fracaso" ante o rexeitamento da xefa do Goberno para retirar o texto legal, anunciaron os sindicalistas.

"É forzosamente un fracaso", afirmou Cyril Chabanier, presidente do sindicato CFTC, que á saída da reunión coa primeira ministra, Élisabeth Borne, leu un comunicado conxunto dos líderes das oito principais centrais.

A súa principal mensaxe é que os sindicatos non están dispostos a abrir negociacións sobre outras cuestións laborais, como quería Borne, mentres non retire en primeiro lugar esta controvertida reforma, que atrasa de 62 a 64 anos a idade mínima de xubilación.

"A primeira ministra dixo que quere manter o seu texto, unha decisión grave", xa que a reforma "rexéitaa case a totalidade da poboación", engadiu Chabanier, quen insistiu en que a reforma é "inxusta" e "brutal".

O secretario xeral da Confederación Francesa Democrática do Traballo (CFDT, primeira central do país), Laurent Berger, queixouse de que a primeira ministra só lles convocase agora que o proceso de adopción da lei está xa concluído, e "é moi tarde".

Pero aínda que recoñeceu que outras cuestións laborais que a primeira ministra pretendía poñer encima da mesa son importantes, recalcou que están en relación coas pensións e co atraso da idade de xubilación.

Por iso, Berger fixo un chamamento para que "haxa o máximo de traballadores e de cidadáns nas manifestacións" de mañá xoves, na que será a undécima xornada de mobilización nacional contra a reforma.

A nova líder da Confederación Xeral do Traballo (CXT), Sophie Binet, considerou "inútil" o encontro de hoxe, que durou pouco máis dunha hora, e descualificou a "un Goberno radicalizado, obtuso e desconectado" da realidade, ademais de "irresponsable" polo clima social que xerou.

"O Goberno é responsable da desorde", engadiu Binet, que asegurou que as mobilizacións teñen que continuar "ata que o Goberno entenda que non hai máis saída que a retirada desta reforma".

A primeira ministra esforzouse, nunha breve declaración, en ver o lado positivo deste encontro que ela mesma decidira organizar para tentar pasar páxina, aínda constatando que os sindicatos acudiran para manifestarlle "o seu desacordo" co atraso da idade de xubilación.

Borne fixo fincapé no ton "respectuoso" da reunión, en que o encontro constitúe "unha etapa importante", en que escoitou a cada sindicato e en que lles subliñou a súa "dispoñibilidade", porque non ten intención de avanzar sen eles nas outras discusións sociais que quere lanzar.

"Hai moitos temas sobre os que coincidimos en que son importantes e dos que poderemos discutir ulteriormente", explicou despois de lembrar que ela considera necesaria a reforma das pensións.

Os sindicatos non se privaron, doutra banda, de pedir "responsabilidade" ao Consello Constitucional, que o próximo 14 de abril debe validar ou non a lei no que pode marcar un novo punto de inflexión na crise das pensións.

Para as centrais sindicais, o órgano de interpretación da Carta Magna debe "ver que a nosa democracia necesita calma" tras case tres meses de protesta social. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade