Conde: "Se o Goberno lle transfire os fondos, Galicia pode ter fábrica de baterías"
Conde: "Se o Goberno lle transfire os fondos, Galicia pode ter fábrica de baterías"
O vicepresidente primeiro da Xunta confirma que agardan "en breve" unha reunión co Goberno e co sector para abordar o plan de ordenación da eólica mariña
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asegura nunha entrevista na Radio Galega que "en Galicia sería posible unha fábrica de baterías" se o Goberno -apunta- "lle transfire á Xunta os fondos".
Segundo explicou, aínda que se prevé a construción dunha factoría deste tipo en Valencia vinculada a Volskwagen, dende a Xunta "entendemos que hai espazo para unha segunda fábrica de baterías en España".
Conde contestaba deste xeito ao preguntárenlle polas posibilidades de que Galicia optase a un proxecto coma este, logo de que Stellantis abrira a porta a desenvolver unha nova factoría de baterías na Península.
"A Xunta de Galicia estaría disposta a acometer este proxecto e o único que precisariamos sería que se dotasen os fondos para que este proxecto se puidese desenvolver. Se o Goberno lle transfire á Xunta os fondos da mesma forma que llos trasladou á comunidade autónoma de Valencia, en Galicia sería posible un proxecto de fabricación, dunha planta de baterías".
Sobre as necesidades de futuro de Stellantis Vigo e o novo PERTE da automoción, o vicepresidente primeiro explicou que a factoría de Balaídos precisa tanto "dos fondos europeos" -para o que di agardar que o novo PERTE permita un acceso en condicións de "igualdade"- coma dun "prezo eléctrico competitivo".
Neste aspecto volveu destacar a necesidade de que "o Goberno comprometa de forma inmediata a nova subestación" ao tempo que engadiu que dende a Xunta están traballando para que "Stellantis poida acceder a un contrato de compra bilateral de enerxía".
Á marxe de Stellantis, o vicepresidente primeiro da Xunta volveu urxir o Goberno a que responda xa ás necesidades do proxecto de Altri en Palas de Rei, logo de transcender que mentres en Portugal avanza a bo ritmo a construción doutra planta similar porque alí ten garantidas as axudas do executivo luso, a dirección da compañía transmitiulle á Comisión Europea os problemas que está tendo en España para acceder aos fondos comunitarios porque o Goberno non artellou un PERTE específico e obriga a empresa a dividir o proxecto.
Francisco Conde asegura que lle consta que tivo "boa acollida" a presentación do proxecto de Altri que se fixo en Europa porque -apuntou- responde aos "principios de dixitalización e de sostibilidade" que se queren promover cos fondos europeos.
"Esperamos que dende o Ministerio de Industria haxa unha resposta no compromiso que o propio presidente Sánchez lle transmitiu ao presidente da Xunta para que Altri puidese acceder a eses fondos europeos. É certo que nestes momentos non temos esa resposta pero si esperamos que a través do coñecemento por parte do novo ministro de Industria se poida facilitar o acceso aos fondos europeos en igualdade de condicións que outros proxectos que se están formulando en España".
Eólica mariña
O vicepresidente primeiro da Xunta falou das enerxías renovables. Sobre a eólica terrestre, Conde defende a actuación da Xunta á hora de conceder autorizacións administrativas e de construción. Segundo dixo, "Galicia é sinónimo claro de desenvolvemento eólico ordenado, planificado e garantista".
Respecto á eólica mariña e os POEM, os plans de ordenación do espazo marítimo, Conde dixo que a Xunta espera que "en breve" se poida producir unha reunión co Goberno e cos sectores implicados porque -indica- "hai moito de que falar".
"Hai que definir cales son esas demarcacións definitivas e o Goberno ten que establecer o marco normativo para que se poidan desenvolver e tramitar os proxectos" así mesmo considera necesario "establecer o marco retributivo", detallou.
Lei de recursos naturais
O conselleiro de Economía tamén abordou na entrevista a futura lei de aproveitamento de recursos naturais. Asegurou que a futura Utility que contempla a futura norma -a compañía na que participará a Xunta canda outros axentes públicos e privados para que parte dos beneficios que aproveiten recursos naturais teñan impacto directo en toda Galicia- baralla tres ámbitos de actuación.
En concreto, segundo Conde, "significaría investir en proxectos eólicos, en eólica mariña pero tamén en proxectos de hidróxeno", en segundo lugar "todo o que significa a concesión de augas" e aí citou as hidroeléctricas e as centrais reversibles e en terceiro lugar o "eido mineiro".