Publicador de contidos
Publicador de contidos

Francisco Fernández del Riego será o homenaxeado do Día das Letras Galegas 2023

Francisco Fernández del Riego será o homenaxeado do Día das Letras Galegas 2023

O autor recibe este recoñecemento 60 anos despois do primeiro Día das Letras, celebración da que foi impulsor en 1963

Tamén coincide co 110 aniversario do seu nacemento

G24.gal 09/07/2022 11:43 Última actualización 09/07/2022 13:10

A Real Academia Galega acaba de elixir o autor ao que estará dedicado o Día das Letras Galegas no ano 2023: Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913) será o protagonista dos actos e actividades conmemorativas no marco do día grande da nosa lingua e literatura.

Fernández del Riego, galeguista comprometido e destacado da resistencia no exilio, foi parte activa de iniciativas determinantes para Galicia e o galego.

Entre elas, colaborou na creación da Editorial Galaxia, a creación da Biblioteca da Fundación Penzol, a fundación da revista Grial ou a instauración do Día das Letras Galegas no 1963, xunta Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román.

Unha traxectoria intensa e vibrante

Francisco Fernández del Riego morreu en 2010 na cidade de Vigo. Foron case cen anos dunha intensa vida intelectual, artística e política.

Fernández del Riego formouse como avogado ó tempo que era dirixente das Mocidades Galeguistas e promotor do Estatuto de Autonomía de Galicia, circunstancias que o levaron durante a guerra civil a alistarse nas tropas franquistas para evitar represalias. 

Trala guerra, Fernández del Riego participou na reorganización clandestina do Partido Galeguista e, posteriomente, na fundación do Partido Socialista Galego. A actividade política levouna en paralelo cun destacado traballo cultural, sendo un dos fundadores da emblemática Editorial Galaxia, da revista Grial ou da Fundación Penzol.

Foi un dos autores galegos máis premiados na súa terra

Francisco, Paco, Fernández del Riego, escribiu notables ensaios sobre a cultura e a literatura galega, ó tempo que publicaba narrativa, libros de viaxes, de memorias ou correspondencia con escritores coma Álvaro Cunqueiro.

É, sen dúbida, un dos intelectuais máis recoñecidos de Galicia. No ano 1963 participou, desde a Real Academia Galega que logo presidiría, na creación do Día das Letras Galegas para homenaxear a unha figura destacada da nosa cultura.

Así, 60 anos despois a Academia recoñece a obra e traxectoria do autor de Galicia no espello (1954) e O río do tempo (1990), entre moitas.

"Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, Francisco Fernández del Riego foi un loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo", sinalou a Real Academia no seu comunicado.

A outra candidatura era a da escritora coruñesa Luísa Villalta

A candidatura de Fernández del Riego coma figura homenaxeada nas Letras Galegas do ano que ven triunfou sobre a da tamén escritora, tradutora e violinista Luísa Villalta, nada na Coruña no 1957 e falecida na mesma cidade no ano 2004.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade