Publicador de contidos
Publicador de contidos

Jorge Prado sofre un accidente e abandona en Maggiora

Jorge Prado sofre un accidente e abandona en Maggiora

No inicio da segunda manga foi tirado ao chan por Guillod e o piloto galego acabou mancado no xeonllo

Gajser aproveitou para aumentar a vantaxe á fronte do campionato

G24.gal 16/06/2024 14:32 Última actualización 16/06/2024 17:32

Jorge Prado tivo que abandonar en Maggiora (Italia) por un accidente ao comezo da segunda manga. Un percance que lle pode custar o Mundial de motocrós. Non puido completar a segunda carreira e tivo que marchar con moitas dores no xeonllo. Da circunstancia tirou proveito Tim Gajser para poñer terra de por medio á fronte do MXGP á espera de coñecermos o alcance da lesión de Prado. 

A primeira carreira volveu deixarnos a fermosa loita entre Gajser, Prado e Herlings. Saiu por diante o suizo Seewer ata que cometeu un erro e foi ao chan. O esloveno Gajser colleu a remuda e liderou a proba ata o final pero con Jorge Prado e Jeffrey Herlings ao seu carón. As últimas voltas resultaron espectaculares cos tres pilotos en menos de tres segundos, un pelexa que puido caer para calquera. Ao final Gajser aguantou e mantivo a primeira posición, co lucense á súa roda. 

A segunda carreira presentábase espectacular. Prado volveu a saír entre os mellores pero viuse metido nun feixe de rodas. Non desaproveitou a circunstancia Gajser que comezou a marcar diferenzas. Tamén foi ao chan e viu como Herlings o adiantaba pero sumou un bo feixe de puntos que lle permiten sacar unha vantaxe moi importante á fronte do MXGP. O neerlandés Herlings, gañou a segunda carreira, foi o segundo clasificado no Gran Premio e tamén se achega aos puntos do piloto galego. 

Os médicos exploraron a Prado e semella que quedou nun forte golpe no xeonllo e un susto moi grande porque a temporada a piques estivo de rematar para o piloto galego. Afortunadamente estará na saída do Grande Premio de Indonesia, o vindeiro 29-30 de xuño. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar