Galicia acada os 10.000 transplantes de órganos realizados desde que se iniciou o programa en 1981
A maioría das intervencións na nosa comunidade foron de ril, seguidas dos transplantes de fígado, de corazón, de pulmón e por último de páncreas
Na actualidade oito de cada dez familias din si á doazón en Galicia
No ano 1981 o hospital público da Coruña realizaba o primeiro transplante de ril. Dez anos máis tarde Galicia iniciaba o programa de transplante de corazón. Co paso do tempo fóronse incorporando os programas galegos de transplante de fígado, de pulmón e de páncreas. Foi unha longa traxectoria na que se acaba de alcanzar a cifra total de 10.000 transplantes.
"O éxito radica na xenerosidade e solidariedade dos preto de 4.000 doadores e das súas familias, xunto co labor da sanidade pública. Hai moitos profesionais implicados no proceso de doazón e transplante", di Encarnación Bouzas, coordinadora autonómica de transplantes de Galicia.
España segue a ser referente mundial en transplantes e Galicia unha das comunidades con mellores cifras.
"A Organización Nacional de Transplantes para intentar mellorar vai poñendo uns obxectivos e Galicia chegou a ese obxectivo de 50 doantes por millón de habitantes", engade.
Na actualidade 8 de cada dez familias din si á doazón en Galicia.
A nosa comunidade pechou o ano 2024 coa mellor cifra histórica de intervencións, con 424 transplantes, un 28 por cento máis que o ano anterior.
