Galicia recibirá 54 menores migrantes das Canarias nas próximas semanas
Galicia recibirá 54 menores migrantes das Canarias nas próximas semanas
O Goberno das illas enviaralle o luns á Xunta a listaxe dos primeiros 14 rapaces
Vinte e oito dos menores corresponden aos compromisos de 2023 e outros 26 chegados ás Canarias e Ceuta neste 2024
Despois de varias semanas de espera, e aínda que a Xunta non concreta data para a chegada dos mozos ante a complexidade burocrática deste tipo procesos, o Goberno das Canarias informoulle á Xunta, que dos 28 menores non acompañados procedentes das illas que a administración galega acordou recibir na conferencia sectorial de 2023, o luns enviaralle unha listaxe dos nomes e idades dos 14 primeiros.
Nunhas dúas semanas, aseguran desde Política Social, compartirán a relación dos outros 14 menores. Ademais a Xunta acordou acoller este 2024 a outros 26 menores non acompañados chegados ás Canarias e a Ceuta.
Unha vez realicen ese trámite, teñen que buscar os billetes de avión e informar da chegada. No aeroporto, apunta o departamento autonómico, recibiraos persoal da Consellería de Política Social para distribuír a cada un "no recurso que mellor se adapte ás súas necesidades, sempre co obxectivo de lograr a mellor inclusión".
Estes 28 menores, foron obxecto de disputa entre gobernos autonómicos e o estatal. A Xunta leva días pedíndolle ao Executivo que rectifique as acusacións que a ministra de Infancia, Sira Rego, verteu sobre varias comunidades, entre elas Galicia, nas que afirmaba que recibiran os fondos de 2023 para unha acollida de menores que non se completou.
A administración galega defende que esa recepción non se chegou a formalizar polo "colapso" e a "saturación burocrática" que sofren as Canarias coa chegada de menores migrantes non acompañados.
Galicia amosa de novo que é unha comunidade solidaria e pioneira na acollida de menores non acompañados.
A Xunta está disposta a acoller e proporcionarlle calidade de vida aos rapaces, non só garantindo aloxamento e manutención senón tamén atención educativa e sanitaria.