Galicia Calidade fai 25 anos e certifica 750 produtos e servizos de empresas galegas
Galicia Calidade fai 25 anos e certifica 750 produtos e servizos de empresas galegas
Unha marca paraugas que foi abríndose a novos sectores como o do turismo, a xoiaría e a moda
Hai 25 anos que o selo de vieira comezou a distinguir no mercado a calidade e a orixe dos produtos feitos en Galicia. Comezaron cos alimentos, pero nestes anos a familia ampliouse a servizos turísticos, establecementos hostaleiros, artesanía... ata 150 empresas, e axiña serán máis.
"Estamos traballando para abrila a novos sectores, en 2023 comezaremos co téxtil, coa moda galega, que é un sector moi importante", adianta Ana Méndez Gil, a directora xerente de Galicia Calidade.
Abrirán a certificación á moda igual que xa fixeron coa xoiaría artesanal de creadoras coma Katuxa. Desde o seu taller en Compostela logra levar ás pasarelas internacionais deseños inspirados na tradición galega. Xoias amparadas polo selo desde hai 5 anos.
"É un recoñecemento ao traballo ben feito, e feito desde aquí desde Galicia, ademais é unha marca coñecida a nivel nacional e internacional", explica a deseñadora de xoias Katuxa Platero.
E é que Galicia Calidade é hoxe todo un reclamo para clientes e un valor engadido para as empresas, sobre todo no exterior.
"Sempre nos din que lles axuda moito na exportación porque diferencian o produto no mercado e o consumidor final asóciao a unha garantía de calidade" engade a directora xerente de Galicia Calidade.
Ata 750 produtos levan hoxe o selo desta marca paraugas coa que a Xunta fai promoción conxunta do territorio, a creación e a economía do país.