Galicia Calidade fai 25 anos concentrando máis do 6,6 % do PIB galego
Galicia Calidade fai 25 anos concentrando máis do 6,6 % do PIB galego
O presidente da Xunta equiparou Galicia Calidade coa marca Xacobeo porque funcionan como "carta de presentación" da comunidade para o mundo
Alfonso Rueda avoga por extrapolar a toda a política os dous termos de Galicia e Calidade
Na actualidade máis 700 produtos levan a marca Galicia Calidade e a Xunta pretende reforzarlo cunha sección específica para os produtos alimentarios. A Cidade da Cultura de Santiago acolleu esta mañá o acto oficial dos 25 anos deste selo de calidade.
No acto participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que avogou por extrapolar a toda a política eses dous termos de Galicia e Calidade.
"Galicia Calidade non saíu de ningún laboratorio, senón da necesidade e da potencia destas e outras marcas e hoxe todo o mundo ve a Galicia reflectida neste selo que representa a excelencia", asegurou o presidente da Xunta.
Neste senso equiparou Galicia Calidade coa marca Xacobeo, xa que as dúas funcionan como "carta de presentación" da comunidade autónoma para o mundo.
"Neste Nadal cando sirvamos, brindemos ou regalemos produtos Galicia Calidade estaremos contribuíndo con esa tarxeta de presentación e seguiremos construíndo unha Galicia mellor", afirmou Alfonso Rueda.
O selo distintivo Galicia Calidade cumpre 25 anos desde a súa creación con case 150 empresas e cunha facturación que supera os 4.150 millóns de euros, o que supón o 6,6 % do PIB galego.
Así o destacou a directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, nun acto de celebración en que se entregou un recoñecemento a todas as persoas que ocuparon este cargo desde a súa creación, así como as tres empresas coas que se creou este selo: Estrella Galicia, Coren e Jealsa-Rianxeira.
Rueda asegurou que para seguir xogando este papel no futuro hai que seguir "renovándose e innovando" e aí é onde aparece a sección específica Galicia Calidade Alimentaria posta en marcha para englobar produtos agroalimentarios con excelencia recoñecida como acontece coas denominacións de orixe, sobre todo "pensando na súa internacionalización".
Esta nova sección dentro de Galicia Calidade contará con 5,5 millóns de euros e un marco normativo coa nova lei de calidade alimentaria de Galicia que está previsto tramitar o vindeiro ano.