Galicia devece polo ciclismo na semana do Gran Camiño
Galicia devece polo ciclismo na semana do Gran Camiño
Todas as etapas poderán verse, a partir do xoves, na G2
Quedan tres días para que as bicicletas tomen de novo as estradas galegas. Tiveron que pasar máis de 20 anos para que o ciclismo profesional percorra novamente a nosa xeografía, como antano fixera a Volta a Galicia. O xoves daráselle o tiro de saída ao Gran Camiño. A primeira etapa arranca no Porriño e remata en Vigo. 165 quilómetros para ir abrindo boca. A partir de aí, e ata o domingo, a proba medra en intensidade.
Samuel Blanco, do equipo portugués Tavira, é un dos cinco galegos que disputará a proba. Esta é a súa terceira temporada na máxima categoría. O Gran Camiño será o primeiro exame que faga esta campaña. Samuel, que debuta na casa, comparte equipo con outros dous galegos: Álex Marque e Delio Fernández.
Imaxinen agora a grandeza do reto cando entre os teus adversarios está Alejandro Valverde. O campión mundial de fondo en 2018 volve á competición comandando un Movistar moi potente. Valverde compartirá filas con Gorka Izaguirre ou Iván Sosa. Entenderán que a expectación sexa máxima ante o retorno da clásica galega que, por certo, poderán seguir nesta casa.