Galicia e Bosnia unidas pola fotografía nun proxecto de arte conxunto
Galicia e Bosnia unidas pola fotografía nun proxecto de arte conxunto
Tras meses de traballo poderán amosar o resultado nas rúas, galerías de arte e espazos expositivos da cidade de Saraievo
É o proxecto en que traballan alumnos da Escola Antonio Faílde de Ourense con estudantes bosníacos
Tender pontes entre culturas a través da fotografía. É o proxecto en que traballan un grupo de alumnos da Escola Antonio Faílde de Ourense con estudantes de Bosnia. Despois de meses de traballo poderán por fin amosar o resultado. E farano nas rúas, galerías de arte e en múltiples espazos expositivos da cidade de Saraievo. Buscaban a través deste proxecto fotográfico puntos en común entre a sociedade galega e a bosníaca. E malia as diferenzas culturais, relixiosas e sociais decatáronse de que son moitas as similitudes.
Os alumnos de fotografía levan un ano traballando neste proxecto conxunto: unha sorte de ponte cultural que une Galicia con Bosnia. Instantáneas de ambos os países, que malia a distancia se achegan moito máis do que imaxinaban.
"Xusto a idea do proxecto é esta: que con vinte anos aquí e vinte anos en Saraievo estás pensando as mesmas cousas, estás vendo as mesmas series, estás escoitando a mesma música, aínda que sexas doutra relixión, que leves un xihab ou que sexas de calquera diversidade sexual". explica Miguel Álvarez, profesor de fotografía na EASD antonio Faílde.
Os alumnos galegos e os alumnos bosníacos crearon nove proxectos espello. Dúas miradas dende dous países. Os autorretratos, o despoboamento do rural ou os traxes rexionais foron algúns dos puntos en común que atoparon ao longo dos meses.
"Empezamos mesturando roupa moderna con roupa antiga e era todo o mesmo: as luces que usabamos, as cores... todo. Si que é verdade que notas proximidade aínda que esteas tan lonxe", apunta a estudante de fotografía Lucía Sánchez.
Nos vindeiros días viaxan a Bosnia para coñecer por fin os seus compañeiros e expoñer o traballo dos últimos meses. Unha ruta pola cidade de Saraievo acollerá en diversos espazos as súas obras durante días, tamén a galería da academia de Belas Artes de Saraievo. Será a primeira exposición internacional para alumnos da escola como Roi Cruz.
"Como fotógrafo sempre é emocionante ir a outro país e poder expoñer e que vexa a xente doutro país e doutra cultura sobre todo a perspectiva que temos nós aquí en Galicia".
No mes de setembro está previsto que os alumnos bosníacos visiten Galicia e que desta vez sexa Ourense quen acolla o seu traballo fotográfico. Unha ponte, din, para achegar culturas, moito máis curta do que imaxinamos.