Galicia e outras catro comunidades apoian ao Goberno no recurso ao veto á pesca de fondo
Galicia e outras catro comunidades apoian ao Goberno no recurso ao veto á pesca de fondo
Aseguran que buscarán "máis argumentos" para complementar os que poida presentar o Ministerio
O sector galego apoia ao Goberno na presentación do recurso
As comunidades de Andalucía, Galicia, Euskadi, Asturias e Cantabria mostraron este venres o seu apoio aos ministerios de Pesca e de Asuntos Exteriores para presentar un recurso contra a decisión da Comisión Europea (CE) de pechar a pesca de fondo 87 zonas do Atlántico nordés.
Nunha comparecencia de prensa conxunta na sede da Consellería de Pesca do Goberno de Cantabria tras manter unha reunión, a conselleira da área da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, a titular de Andalucía, Carmen Crespo, o conselleiro cántabro, Guillermo Blanco, o viceconselleiro de Pesca do País Vasco, Bittor Oroz, e o director xeral de pesca de Asturias, Francisco José González, agradeceron a defensa do Ministerio de Pesca ante a situación que afecta o sector pesqueiro destas comunidades.
"En España imos defender o sector pesqueiro"
Son precisamente as que máis afectadas se ven por esa decisión de Bruxelas que suporá o peche ás artes de fondo, o próximo 9 de outubro en 87 zonas consideradas vulnerables, o que afecta as frotas como as do Golfo de Cádiz, Gran Sol (Irlanda) ou o Cantábrico.
E é que, segundo asegurou a conselleira galega, serán os propios departamentos das consellerías de Pesca destas comunidades as que buscarán "máis argumentos" para complementar os que poida presentar o Ministerio no recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea.
"Dános igual que nos admitan ou non o recurso no Tribunal, os cidadáns da Unión Europa teñen que ser conscientes de que en España imos defender o sector pesqueiro e que a comisión ten que ter en conta non só os aspectos ambientais senón tamén os sociais e os económicos", engadiu Quintana.
Piden non "transgredir as regras"
"Os países membros estamos desexosos de cumprir coas prácticas medio ambientais, sobre todo no sector pesqueiro, pero necesitamos que se dean neste momento as regras de xogo claras sen transgredir as regras que nos demos todos os europeos", explicou a conselleira andaluza.
Apoio dos armadores galegos
Tamén desde Galicia instan ao Goberno a presentar o recurso. Representantes das tres administracións do Estado arrouparon hoxe na Coruña o sector da pesca, que reclama poder seguir traballando con responsabilidade nos caladoiros do Atlántico norte.
Severino Ares, presidente da Asociación de Armadores de Buques Pesqueiros, sinala a importancia de "unirse todos e ir moi da man". "Temos que parar estes atropelos porque, se non, o seguinte paso será erradicar totalmente a pesca".