Galicia é unha das comunidade españolas con menor taxa de abandono na FP
Galicia é unha das comunidade españolas con menor taxa de abandono na FP
O 32,4% do alumnado galego deixa os seus estudios antes de rematar o grao básico; en España a cifra sobe ata o 41,7 por cento
O volume de alumnos e alumnas que plantan os estudos da FP no grao superior é en Galicia do 16,5 por cento; dous puntos menos que a media estatal
As comunidades de Galicia e o País Vasco rexistran a menor taxa de abandono prematuro do alumnado nos tres niveles de Formación Profesional. Canarias destaca pola alta deserción na FP Básica e de Grao Medio, Asturias e Madrid na Básica, e Aragón, Castela e León e Comunidade Valenciana no Grao Superior. No conxunto do estado, a taxa de Abandono Temperá da Educación e a Formación en España é a máis alta da Unión Europea; sitúase só detrás de Romanía.
Segundo o informe “O abandono dos estudos na Formación Profesional en España: diagnóstico e propostas de mellora”, presentado este xoves, as cifras de abandono en España na FP Básica é do 41,7 por cento; na de Grao Medio do 30,7 %, e no Grao Superior chega ao 18,8 %.
Galicia é a segunda comunidade de España con menor índice de abandono na FP básica; sitúase no 32,4 %; 9 puntos menos que a media estatal. O abandono temperá na FP de grao medio sitúase no 26,5 por cento (5 puntos menos que a media española) e a taxa de abandono no grao superior elévase ata o 16,5 % (dous puntos menos que no conxunto de España).
O estudo de CaixaBank Dualiza e a Universitat de lles Illes Balears explica que esta situación vén condicionada por factores persoais como o nivel socioeconómico e exóxenos como a demanda do mercado laboral á hora de non esixir estudos específicos.
Recomenda unha atención máis personalizada, máis bolsas, ratios máximas de 18 mozos por clase e reforzo escolar para evitar que o alumnado deixe o sistema educativo sen cualificarse en grao básico ou medio.
Tamén reclama unha intervención continuada do alumnado en risco de abandono desde idades temperás e prestar máis atención ás familias, que moitas veces están en exclusión social ou en situacións próximas á mesma.
Unha das autoras do estudo, Mónica Moso, deu un dato: sinalou que as comunidades que abordan ben a problemática do abandono desde a FP Básica acaban obtendo mellores resultados nos Graos Medio e Superior, o cal indica que "se pode previr nas etapas máis temperás".