Galicia é unha das comunidades autónomas que máis produtos exporta
Galicia é unha das comunidades autónomas que máis produtos exporta
Á cabeza están as conservas, seguidas do marisco, o peixe conxelado, os produtos lácteos ou os cárnicos
Galicia é unha das comunidades máis exportadoras. Exportamos produtos de todo tipo, pero destacan os alimentarios, con exportacións por valor de case 4.400 millóns de euros durante o ano pasado. E que alimentos exportamos? Á cabeza están as conservas, seguidas do marisco e o peixe conxelado. Tamén destacan os produtos lácteos.
Fomos a supermercados de Roma e Nova York e alí, nas tendas gourmet, atopamos moitos dos nosos produtos. Cervexa Estrella ou viños da Ribeira Sacra ou Rias Baixas.
Son só un exemplo, pero hai moitos máis. Desta empresa de Lugo saen xamóns e chourizos con destino a mercados do exterior. Puxeron en marcha un plan de exportación no 2012 que arestora representa xa o 15 por cento da facturación.
José Manuel Núñez Torre, conselleiro delegado de Torre de Núñez di que comezaron coas exportacións no 2013 e agora xa representa o 15 por cento da facturación. "Este 2024 agardamos lograr un volume de negocio de 45 millóns, dos que sete serán grazas ás exportacións,"
Embutidos a 32 países de varios continentes
Os seus embutidos están presentes xa en 32 países de varios continentes, e con intención de continuar expandíndose. José Manuel Núñez Torre comenta que se vende a países nórdicos como Suecia ou Dinamarca pero tamén en Asia como Xapón ou Hong Kong. A introdución nestes mercados é un proceso lento pero vaise consolidando. "Gústannos ese tipo de mercados onde os nosos produtos son moi valorados pola súa calidade".
É o caso tamén desta empresa de Chantada. Os seus queixos son xa habituais nas tendas delicatessen. Xesús Mazaira, copropietario de Airas Moniz, di que curiosamente cando naceu a empresa hai sete anos xa comezaron exportando o 80 por cento da produción. "Curiosamente os nosos primeiros clientes foron de Madrid e no Reino Unido".
Nos seus plans está continuar expandíndose no exterior. Para iso están en negociacións con FROMI, un dos comercializadores de queixos máis importantes do mundo, que semellan estar xa convencidos.
Lucas Pardon, representante da comercializadora FROMI, di que a empresa na que traballa comercializa queixos de alta calidade en máis de 50 países de todo o mundo. "Estes queixos son moi singulares polas características do leite: vaca jersey, alimentación ao pasto e leite cru, que son condicións difíciles de atopar".
Galicia é unha das comunidades máis exportadoras de España.