Galicia, de norte a sur, solidaria con Valencia
Galicia, de norte a sur, solidaria con Valencia
Multiplícanse as iniciativas de recollida de produtos dende o norte ao sur da comunidade
Afundación de Abanca xa ten listo un camión cheo de doazóns para saír cara ao Levante
Comida, cartos ... todo tipo de axuda chega a Valencia desde toda España
Unha das primeiras en responder á emerxencia foi a obra social Afundación de Abanca, que dende o mesmo xoves puxo á disposición da xente contedores para realizar a recollida. A resposta foi tan rápida porque aproveitaron a infraestrutura creada para o programa Cultura por Alimentos. Alí xa teñen un camión cheo para emprender camiño ao sur.
"Están os nosos contedores nas entradas dos centros á disposición de todo o mundo e imos seguir moi pendentes para ver que se precisa, se sabemos que se necesitan algúns artigos en concreto poder transmitilo polas redes sociais, para que todos afinemos máis", explica Beatriz Aler, coordinadora da sede Afundación
Segundo lles están trasladando dende o Levante, neste momento o que máis se precisa son alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene doméstica e persoal. E iso é o que están levando os galegos.
"Non podemos baixar a axudar pero polo menos dende aquí mobilizarnos", apunta unha muller.
En Ferrol, a iniciativa é do Concello empezou esta mañá e a resposta foi inmediata.
"Cando eu cheguei ás dez da mañá xa había xente abaixo con bolsas que realmente emociona", relata Esperanza López, técnica da Oficina de Voluntariado Municipal de Ferrol.
Alí todas as doazóns vanse canalizar a través do Banco de Alimentos aproveitando a súa infraestrutura a nivel nacional. Eles tamén teñen puntos de recollida propios. En Vigo, os organizadores da campaña Cada neno, un xoguete están estes días entregados a Valencia en colaboración coas asociacións veciñais.
"Estamos a colaborar coa federación veciñal Eduardo Chao. Temos tres puntos de recollida, a Asociación de Veciños de Coia, a mesma Favec que ten un local na rúa Pastora 4 e aquí en García Barbón 110. Son os tres puntos onde se poden traer os alimentos e todo o material para Valencia", conclúe Carlos Leiro, director da campaña Cada neno, un xoguete.