Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia envía a Valencia efectivos de Axega, submarinistas e bombeiros

Galicia envía a Valencia efectivos de Axega, submarinistas e bombeiros

Os concellos colaboraron coa recollida de alimentos e outros produtos de primeira necesidade que tamén se van mandar

Continúa a recollida de produtos non perecedoiros para as persoas damnificadas nos distintos concellos galegos

G24.gal 03/11/2024 21:02 Última actualización 04/11/2024 08:13

Galicia envía este luns a Valencia, para axudar nas zonas máis afectadas pola DINA, un continxente formado por efectivos da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), submarinistas, bombeiros, persoal de Medio Rural e motobombas.

O pasado mércores, o Goberno galego xa mandou o helicóptero Pesca 1 para colaborar na busca de persoas desaparecidas. 

Este sábado, a Xunta mantivo unha reunión por videoconferencia con responsables e servizos operativos da Delegación do Goberno en Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Protección Civil e Emerxencias para coordinar a despregadura.

Produtos de primeira necesidade

Os concellos colaboraron, sobre todo, coa recollida de alimentos e outros produtos de primeira necesidade. Tamén o fixeron entidades deportivas, como o Celta e o Deportivo, e organizacións sociais.

A ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí vai mandar os medicamentos e alimentos que tiña almacenados para enviar a África en decembro.

Ademais, os municipios do Porriño e Mos achegan efectivos e Vigo, pola súa banda, trasladoulle ao 112 que está en disposición de trasladar un dispositivo de emerxencia con 24 membros e 4 vehículos.

Garda Civil e militares

Ademais, 35 axentes da Garda Civil partiron este domingo cara a zona cero e a Brilat conta cuns 150 militares preparados para partir, segundo informou a Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

A Brigada Galicia VII dispón de dúas seccións de infantería e unha de zapadores, soldados que se dedican á construción de pontes e outras estruturas para facilitar o movemento dos exércitos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade