Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia escapa da vaga de calor que deixará máximas de 44° na Península

Galicia escapa da vaga de calor que deixará máximas de 44° na Península

O aviso especial por altas temperaturas actívase o luns e prolóngase como mínimo ata o mércores

Tamén se agardan noites tropicais con mínimas de entre 20 e 25 graos nalgunhas localidades

G24.gal 09/07/2023 09:30 Última actualización 09/07/2023 14:37

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) emite un aviso especial por vaga de calor a partir do luns e, como mínimo, ata o mércores 12 de xullo. Agárdase a chegada dunha masa de aire moi cálido a boa parte da Península. A zona norte queda fóra da alerta.

As temperaturas irán ascendendo e xa este domingo poderían alcanzarse os 40 graos na parte central do val do Guadalquivir, os 38 na meseta sur e no interior das Baleares, e os 36 no val do Ebro.

A suba vai continuar o luns con máximas por riba do normal de xeito xeneralizado e mesmo alcanzando os 44 graos no interior de Andalucía, situación que podería continuar o martes.

O mércores é probable un arrefriamento na metade norte e no centro peninsular, principalmente no val do Ebro, así como nas Baleares, pero non no terzo sur onde as temperaturas continuarán moi altas.

Noites tropicais

As temperaturas mínimas tamén serán moi elevadas durante o episodio, con noites tropicais, por riba dos 20 graos, e mesmo dos 25 na metade suroriental peninsular, especialmente no terzo sueste, e nas Baleares.

En canto ás Canarias, é probable que a masa de aire sahariana afecte tamén o arquipélago a partir do luns ou martes, dando lugar a un episodio de temperaturas altas que aínda é cedo para determinar se conformará ou non unha vaga de calor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade