Galicia, pioneira en axudas de ata 12.000 euros anuais para doentes de ELA
Galicia, pioneira en axudas de ata 12.000 euros anuais para doentes de ELA
Entrarán proximamente en vigor con carácter retroactivo dende xaneiro
A Xunta vai habilitar proximamente e con carácter retroactivo dende xaneiro axudas de mil euros ao mes para persoas que padecen ELA. Confirmouno este sábado o presidente, Alfonso Rueda, tras entrevistarse con Jordi Sabaté, un doente de ELA que ten unha canle de Youtube para recadar fondos para investigar esta enfermidade.
Hai oito anos que a Sabaté, catalán de 39 anos e raíces galegas, lle diagnosticaron ELA. Agora non pode moverse, falar, comer ou respirar por si mesmo. Na conversa co presidente da Xunta díxolle que "se emocionou moito" cando soubo dos apoios para doentes coma el que vai poñer en marcha Galicia.
Son axudas de mil euros ao mes para custos de tratamentos, adaptación da vivenda, rehabilitación ou coidados. Uns apoios de xustiza, defende Alfonso Rueda, que agarda que outras Administracións se sumen a esta iniciativa, destaca, pioneira en España.
"Encantaríame que este ano en que Galicia empeza con esta medida acabe con moitas outras comunidades autónomas facendo o mesmo. E agardo que o Estado faga o mesmo tamén", dixo o presidente.
En Galicia hai máis de 250 persoas con ELA e cada ano diagnostícanse 30 novos casos.