Galicia postúlase para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública
Galicia postúlase para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública
Carolina Darias di que varias comunidades expresaron a súa intención de ser candidatas e destacou que "todas reúnen excelentes condicións"
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou este venres que Galicia tamén se postulará para albergar a Axencia Estatal de Saúde Pública (AESP).
Acompañado pola ministra de Sanidade, Carolina Darias, ao termo da reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde que se celebrou de maneira presencial en Santiago, o conselleiro puxo en valor as capacidades galegas para conseguir ser a localización deste organismo.
O titular da Consellería de Sanidade destacou a "tradición" que ten a comunidade á hora de realizar cribados tan importantes como os de cancro de mama ou os neonatais.
Tamén resaltou Comesaña a recente experiencia na campaña de vacinación contra a covid-19.
A ministra de Sanidade sinalou na conferencia de prensa, que outras comunidades amais de Galicia amosaron a súa intención de ser candidatas a acoller nos seus territorios a sede da AESP. Darias destacou "que todas reúnen excelentes condicións polo traballo que fixeron en saúde pública", e puxo en valor o sistema de vixilancia da saúde que ten España.