Galicia recibe máis de 25 millóns da PAC para o desenvolvemento rural
Galicia recibe máis de 25 millóns da PAC para o desenvolvemento rural
O ministro de Agricultura, Luis Planas, reiterou que estes fondos permitirán "continuar apoiando agricultores, gandeiros e o medio rural"
Galicia recibirá un total de 25,4 millóns de euros procedentes do Plan estratéxico nacional da política agraria común (PAC) para financiar accións de desenvolvemento rural, agricultura e gandería.
O Consello de Ministros autorizou este martes a distribución territorial entre as comunidades autónomas de oito créditos por un importe total de 207,87 millóns de euros para financiar intervencións de desenvolvemento rural contempladas dentro da PAC e distintas actuacións en materia de competitividade e calidade da produción dos mercados, sanidade vexetal e animal e do Programa comunitario de apoio ás producións agrarias (POSEI) das Canarias.
A Comunidade galega percibirá 25,4 millóns, a maioría no apartado de accións de desenvolvemento rural, que suman 21,8 millóns. En agricultura, 1,8 millóns irán destinados a prevención e loita contra as pragas e 45.700 euros para variedades vexetais.
Así mesmo, en gandería resérvanse 765.425 euros para a erradicación de enfermidades dos animais, 371.110 euros para o sector apícola, 455.149 euros en rendemento leiteiro e 168.604 euros ao fomento de razas autóctonas.
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, reiterou que estes fondos permitirán "continuar apoiando a agricultores, gandeiros e ao medio rural".
"É unha mostra máis da implicación e o compromiso deste Goberno co medio rural e co sector primario", recalcou.
Para este período, o Goberno achegará ás rexións o 30 % do financiamento nacional e, para realizar esta repartición de fondos, utilizouse o criterio de distribución acordado coas comunidades autónomas en maio de 2023.
Desta forma, unha vez autorizado polo Executivo, a distribución destes fondos someterase á consideración da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, que se celebrará este venres.