"A min agasalláronme vida": o agradecemento dos transplantados no Día Nacional dos Doantes
Neste primeiro semestre do ano as doazóns subiron en Galicia un 50 %
Hoxe celébrase o Día Nacional dos Doantes, unha xornada para homenaxealos, agradecer a súa xenerosidade e sensibilizar sobre a necesidade de seguir doando.
Mario López agarda polo seu terceiro transplante de ril. O primeiro foi aos 17 anos. Duroulle 12, o mesmo que o segundo... sabe moi ben o que supón ter un doante:
"Sen esas persoas sería moi difícil que eu estivera agora mesmo falando contigo. E digo, que cousa máis bonita que morra alguén pero ao mesmo tempo agasalle vida aos demais. A min agasalláronme vida"
Ana Mato tamén está pendente do teléfono. Neste caso por un dobre transplante de ril e páncreas. É paciente de diálise, unha unidade que coñece moi ben porque traballou alí de enfermeira. Conta que "sempre tes aí a esperanza de conseguir unha maior calidade de vida e loxicamente iso só o pode dar o transplante"
Canda eles está Agustín Saborido. É vicepresidente de Alcer-A Coruña. Leva 19 anos transplantado. Un ril deulle a vida e sabe da xenerosidade da xente. Neste día reflexiona sobre a importancia de doar en vida:
"Testamentamos leiras, testamentamos bens materiais. O noso corpo, o maior e mellor ben que temos tamén é testamentable e tamén é doable non só a familiares, tamén á sociedade",
Galicia ten unha taxa de 40,5 doantes por cada millón de habitantes. Supera en medio punto as recomendacións da Organización Mundial da Saúde. Neste primeiro semestre do ano a doazón subiu en Galicia un 50 %.
Un dato moi importante porque como sentenza Constantino Fernández, Nefrólogo no CHUAC, "se temos poucos doantes, imos ter poucos transplantes".