Publicador de contidos
Publicador de contidos

Case 2,7 millóns de galegos están chamados a elixir a composición do Parlamento

Case 2,7 millóns de galegos están chamados a elixir a composición do Parlamento

Os partidos deben obter un mínimo do 5 por cento do voto para poder optar ao elenco de escanos 

Estas son as décimo segundas eleccións que se celebran en Galicia desde as primeiras en 1981

A maioría absoluta no Parlamento son 38 escanos
G24.gal 17/02/2024 20:00

Case 2,7 millóns de galegos e galegas están chamados a decidir a composición do Parlamento de Galicia para os próximos catro anos. 

Este 18F están en xogo 75 cadeiras. 25 polas provincias da Coruña e 22 por Pontevedra. Lugo e Ourense escollen 14 deputados cada unha. Para poder ter dereito a ocupar un escano, os partidos deben conseguir un mínimo do 5 por cento de votos en cada provincia. A maioría absoluta está nos 38 escanos. 

A diáspora ten un peso significativo ante o 18F, tendo en conta que os 476.514 residentes ausentes con dereito a voto nesta cita supoñen case o 17,7 % do censo de 2.693.624 chamados a emitir o seu sufraxio este domingo. Por iso, ante un resultado axustado, o seu papel podería ser clave.

Segundo recolle o calendario electoral oficial dos comicios, publicado na web da Xunta Electoral de Galicia, o escrutinio dos votos dos residentes ausentes empezará o luns 26 e deberá estar finalizado como moi tarde o xoves 29 de febreiro.

Votan por primeira vez 79.000 mozos. Nas últimas autonómicas, en plena pandemia, a participación final non chegou ao 49 %. 

Hai 10 partidos que se presentan nas catro provincias. Outros, non. É o caso de Democracia Ourensana, o partido do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que só presentou lista na provincia de Ourense. Os colexios electorais estarán abertos ata as oito da tarde. 

Galicia celebrou once eleccións autonómicas desde o 20 de outubro de 1981, cando levaron a cabo as primeiras. Desde entón, a comunidade tivo seis presidentes, o último deles o popular Alfonso Rueda, que tratará de revalidar o seu mandato.

Rueda asumiu a Presidencia da Xunta en maio de 2022, despois de que Alberto Núñez Feijóo, que presidira o goberno da Xunta desde 2009, dese o salto á política nacional como líder do PP.

O primeiro presidente da Xunta xa co estatuto de autonomía aprobado foi Gerardo Fernández Albor, de Alianza Popular, que estivo no cargo entre 1982 e 1987.

En 1987 sucedeulle, tras unha moción de censura apoiada por PSdeG-PSOE, Coalición Galega e o Partido Nacionalista Galego, o socialista Fernando González Laxe, que gobernou ata 1990.

Os comicios celebrados en decembro de 1989 deron a vitoria ao PP, con Manuel Fraga á fronte. Fraga mantívose durante catro lexislaturas consecutivas como presidente do goberno autonómico galego, con sucesivas maiorías absolutas en 1993, 1997 e 2001.

Non houbo substitución na Presidencia da Xunta ata 2005, cando tras as eleccións celebradas en xuño os populares, a pesar de ser a primeira forza política cun xa octoxenario Fraga á cabeza, perderon a maioría absoluta.

Un acordo entre o PSdeG e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) deu o Goberno ao socialista Emilio Pérez Touriño, que presidiu o Executivo galego ata 2009.

Nese ano o PP recuperou o mando despois de que o seu candidato, Alberto Núñez Feijóo, conseguise unha nova maioría absoluta con 38 escanos.

O liderado de Núñez Feijoo e o PP quedou referendado nas eleccións anticipadas de outubro de 2012 e nos comicios de setembro de 2016. En ambos os casos, os populares lograron 41 escanos.

O 12 de xullo de 2020 volveron celebrarse eleccións en Galicia, convocadas inicialmente para o 5 de abril, pero pospostas pola crise do coronavirus. O PP revalidou a maioría absoluta, unha vez máis encabezado por Núñez Feijoo, que alcanzou o seu mellor resultado con 42 deputados e o 47,98 % dos votos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade