Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia rexistra máis de 20 vítimas de violencia de xénero ao día, un 7,6 % máis ca en 2022

Galicia rexistra máis de 20 vítimas de violencia de xénero ao día, un 7,6 % máis ca en 2022

Entre xaneiro e decembro do ano pasado contabilizáronse 7.438 vítimas

A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia foi de 53,1, a segunda máis baixa do Estado

G24.gal 20/03/2024 12:28

O número de mulleres vítimas de violencia de xénero en Galicia subiu en 2023 un 7,6 % con respecto a 2022, ata alcanzar as 7.438. Segundo os datos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial que facilitou este mércores o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), entre xaneiro e decembro do ano pasado contabilizáronse 7.438 vítimas, é dicir, máis de 20 ao día, o que supuxo un incremento interanual do 7,6 %.

A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia foi de 53,1, a segunda máis baixa do Estado, cuxa media se situou en 79,4. Ademais, en 2023 rexistráronse 78 menores tutelados vítimas de violencia de xénero, un menos que en 2022. Durante o período estudado, os xulgados da comunidade rexistraron 7.483 denuncias por violencia de xénero, fronte ás 6.995 de 2022, o que supón un incremento do 7 %. A maioría -5.743- foron presentadas polas propias vítimas, ben nos xulgados ou en dependencias policiais, cifra que segue sendo moi superior á das denuncias presentadas pola contorna da vítima, apenas un 1,9 % do total.

As denuncias derivadas directamente de atestados policiais representaron o 14,8 %; as orixinadas por partes de lesións, o 5,2 % e as interpostas por terceiras persoas alleas á contorna da vítima, o 1,2 %. Os xulgados galegos que asumen os casos de violencia sobre a muller concederon o ano pasado 1.299 ordes e medidas de protección e seguridade, un 2 % máis que en 2022. En total, recibiron 1.928 peticións destas medidas protectoras -un 2,5 % máis que en 2022-, das cales foron concedidas o 67,3 %; mentres que os xulgados en funcións de garda incoaron 492, das que adoptaron 320, o 65 %.

Os xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e as audiencias provinciais de Galicia ditaron entre xaneiro e decembro en procesos de violencia de xénero 2.415 sentenzas, das cales 1.976, é dicir, o 81,8 %, foron condenatorias. No período estudado, os xulgados de menores axuizaron a 16 persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller, fronte ás nove de 2022. Os datos revelan que en 2023 na comunidade aumentaron un 36,6 % os casos de vítimas que non declararon, pois optaron por esta opción 493 mulleres, fronte ás 361 que o fixeron en 2022.

Ademais, os órganos xudiciais ditaron 679 medidas cautelares civís, cuxa finalidade é a protección da muller e dos menores en tanto se resolve o proceso penal. As máis frecuentes foron as relacionadas coa prestación de alimentos (197), que representaron o 29 % do total de medidas civís adoptadas. Ademais, adoptáronse 121 relativas á atribución da vivenda; 167 sobre suspensión do réxime de visitas, e 90 sobre suspensión da garda e custodia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade