Galicia rexistrou este ano novecentos incendios con máis de seis mil hectáreas queimadas

O 84 por cento non superou unha hectárea de superficie afectada, segundo as cifras expostas polo conselleiro de Medio Rural no Parlamento 

A oposición salienta a falta de "autocrítica" da Xunta 

G24.gal 04/12/2023 23:41 Última actualización 04/12/2023 23:53

A campaña de incendios concluíu en Galicia cun total de 908 incendios, dos cales, o 84 por cento non superou unha hectárea de superficie afectada. O resto queimou 6.773,80 hectáreas, o 60 por cento delas concentradas nos grandes incendios forestais de Baleira (Lugo) no mes de marzo e Trabada-Ribadeo (Lugo) o pasado outubro.

As cifras foron expostas polo conselleiro do Medio Rural José González durante a súa comparecencia no pleno do Parlamento de Galicia, onde destacou que os datos tanto superficie calcinada como número de incendios son un terzo da media da última década.

O responsable de Medio Rural celebrou que o 16 por cento dos 908 incendios rexistrados no que vai de ano se atallasen antes de superar máis dunha hectárea de superficie queimada, e iso levouno a felicitar polo seu traballo a todo o servizo de loita contra os incendios de Galicia.

Dos 149 incendios de superficie relevante, de máis dunha hectárea, 51 producíronse en período de máximo risco de incendio, unha evidencia, para José González, da "desestacionalización" dos lumes forestais.

Outubro, o segundo mes con máis lumes 

Despois dun verán que foi definido polo conselleiro como "cálido" e "normal" en canto a precipitacións, outubro estivo marcado polas altas temperaturas e fortes refachos de vento que derivaron nunha "situación anómala", como apuntou o conselleiro.

Deste xeito, outubro foi o segundo mes do ano despois de agosto con maior número de incendios, o cal, a xuízo do responsable do Goberno galego, é unha mostra da "desestacionalización" da problemática. Tamén puxo o foco na intencionalidade, pois, aínda que González admitiu que polo de agora están abertas as investigacións para determinar se foron provocados, os incendios deste período iniciáronse de noite e con varios focos simultáneos.

Para o conselleiro, as previsións "inminentes" de choiva durante mediados de outubro tamén animaron os incendiarios polo "peche da xanela de oportunidade" para actuar. Por iso, volveu facer un chamamento á cidadanía para colaborar en combater os pirómanos. "Non é unha cuestión menor, loitamos contra verdadeiros delincuentes", apostilou.

Na quenda dos grupos, o deputado do BNG Diego Lourenzo sinalou os factores climatolóxicos do último verán como os responsables dos datos da tempada e lamentou a "falta de autocrítica" no discurso do conselleiro do Medio Rural. Ao seu xuízo, o "relato" de que "todo está ben" por parte da Xunta revela o seu "conformiso" e a "nula" intención de poñer en marcha medidas que avancen cara á "reagrarización" do territorio galego ou a aposta por "devasas verdes" co plantado de especies autóctonas.

Por parte do Grupo Socialista interveu a deputada Carme Rodríguez Dacosta, que tamén apuntou á climatoloxía como elemento que permitiu mellorar os datos de incendios despois dun ano 2022 "terrorífico". Neste sentido, volveu reclamar que se finalice a análise do cumprimento dos obxectivos do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) para a súa incorporación ao documento do ano seguinte como forma de avanzar cara á mellora do servizo de extinción e dos mecanismos de prevención.

Pola súa banda, o deputado do PP José Antonio Armada censurou o "discurso catastrofista" dos grupos da oposición e as súas críticas a medidas incluídas na lei de recuperación de terra agraria como as aldeas modelo que, di, BNG e PSdeG queren "ridiculizar" pero despois os seus alcaldes "son os primeiros" en sumarse, segundo o parlamentario popular.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade