Gandeiros de Agromuralla interrompen o tráfico na Coruña ata a Delegación do Goberno
Gandeiros de Agromuralla interrompen o tráfico na Coruña ata a Delegación do Goberno
Un cento de gandeiros marcharon a pé ata a Delegación do Goberno.
Reclaman menos burocracia e prezos xustos para os produtos en orixe.
Preto dun cento de profesionais do sector agrogandeiro concentráronse na cidade da Coruña para protestar contra a nova normativa europea. Din que o sector primario está nunha situación de emerxencia e fan un chamamento a manter as mobilizaciós para que as súas demandas sexan escoitadas.
"Pídennos unha burocracia que a nivel de gandaría familiar pequena e coa media de idade que teñen os gandeiros é inasumible", relata José Luis Pérez, presidente de Agromuralla.
A súa marcha a pé transcorreu pola avenida de Alfonso Molina, onde bloquearon parcialmente o tráfico provocando importantes retencións. Baixo o lema "non ao peche de máis granxas" marcharon ata a Delegación do Goberno central, onde leron un manifesto coas súas principais reivindicacións para o sector.
"A situación do campo é caótica porque pasamos máis tempo na oficina arranxando papeis que coidando os animais", di o gandeiro Carlos Dablanca.
"Obrígannos a levar un rexistro de todo moito máis exhaustivo", conta o gandeiro Javier Losada.
Entregaron un escrito co fin de que o delegado do Goberno llo traslade ao ministro de Agricultura.
"Que se corrixan os erros dos reais decretos que sacaron e que fan que día a día pechen explotacións e a xente non queira seguir na agricultura porque é inviable vivir así", explica o gandeiro Roberto López.
Menos burocracia, a modificación das normativas ambientais e un prezo xusto para os produtos en orixe son algunhas das súas súplicas en defensa dun sector clave que esmorece.