Publicador de contidos
Publicador de contidos

Garamendi acusa o Ministerio de Traballo de ir contra as empresas ao querer reducir a xornada laboral

Garamendi acusa o Ministerio de Traballo de ir contra as empresas ao querer reducir a xornada laboral

"A min non me teñen que convidar a ningunha mesa. Eu son a mesa, son parte da mesa", dixo o presidente dos empresarios

Imaxe de arquivo
G24.gal 09/07/2024 16:54 Última actualización 09/07/2024 17:26

O presidente de CEOE, Antonio Garamendi, acusou o Ministerio de Traballo de "gobernar contra as empresas", tentando reducir a xornada laboral por lei ou modificando a prevalencia dos convenios, e reivindicou o papel da patronal no diálogo social.

"Cambiar as regras de xogo na metade do partido (...) reducir a xornada para cumprir pactos políticos é gobernar contra as empresas, contra os cidadáns, contra os intereses dos seus votantes", cuestionou no seu discurso ante a asemblea xeral celebrada este martes.

Reducir a xornada a 37,5 horas semanais, engadiu, "equivale a regalar case por decreto 12 días de vacacións pagas ao ano polas empresas".

O Goberno e os axentes sociais levan meses negociando reducir a xornada máxima semanal desde as 40 horas vixentes ás 37,5 horas en 2025, un compromiso recollido no acordo de Goberno PSOE-Sumar e contra o que está a patronal.

En posteriores declaracións aos medios, Garamendi criticou tamén a actitude dos sindicatos, que chegaron a ameazar con mobilizacións se non se reduce a xornada, cuestionando que o fagan despois de asinar o pasado ano o Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) para 2024, 2025 e 2026.

"A min non me teñen que convidar a ningunha mesa"

No discurso, e ante un gran cartel coa palabra "Confianza", Garamendi insistiu en que se non hai unha contorna predicible as empresas vense obrigadas a actuar desde unha "actitude defensiva".

"Nós non temos que pedir un asento no diálogo social, nós construímos o diálogo social", salientou o líder da patronal entre aplausos e en alusión á recente entrada nalgúns organismos, como o Consello Económico e Social (CES) ou no Consello da Peme, doutras patronais alleas a CEOE e Cepyme.

"A min non me teñen que convidar a ningunha mesa. Eu son a mesa, son parte da mesa", subliñou ante os medios.

Tamén lembrou que á patronal non se lle permite manifestar o seu desacordo con determinadas medidas do Goberno, cando os sindicatos estiveron anos pedindo a derrogación da anterior reforma laboral e, xa na actualidade, denunciando o Goberno ante a Unión Europea, por exemplo, pola regulación do despedimento.

"Entendo que para algúns sexa máis cómodo non ternos na mesa porque non somos amiguiños de ninguén nin queremos ser cómplices de futuros fracasos", asegurou.

"Merecemos respecto", subliñou Garamendi. E dixo que a patronal "non se sente concernida por acordos políticos". Tamén reclamou seguridade xurídica, estabilidade regulatoria, calidade da norma e estabilidade política para que as empresas poidan crear emprego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade