Giorgia Meloni, investida primeira ministra de Italia
Giorgia Meloni, investida primeira ministra de Italia
Completou a súa investidura tras superar unha última votación no Senado
Berlusconi volve ao Senado nove anos despois de que o expulsasen
A nova primeira ministra de Italia Giorgia Meloni completou este mércores a súa investidura no Parlamento tras superar unha última votación no Senado, apoiada pola súa coalición dereitista coa que hai un mes gañou as eleccións xerais.
Tal e como se esperaba, Meloni obtivo a maioría absoluta con 115 votos a favor do total de 200 escanos grazas ao seu partido, os ultradereitistas Irmáns de Italia, e os seus socios de coalición a liga de Matteo Salvini e a Forza Italia de Silvio Berlusconi, ademais do grupo Nós moderados. Votaron en contra 79 senadores, os do progresista Partido Demócrata, os populistas do Movemento Cinco Estrelas e os centristas de Azione e Italia Viva, entre outros pequenos grupos, e cinco abstivéronse.
A investidura en Italia vótase nas súas dúas sedes parlamentarias, e con esta votación no Senado, a primeira ministra completou o trámite para gobernar, pois este martes conseguiu o apoio da Cámara dos Deputados por 235 votos a favor do total de 400 escanos.
Meloni, primeira muller xefa do Goberno na historia do país, xurou o cargo o pasado sábado ante o xefe do Estado Sergio Mattarella, despois de gañar as eleccións xerais do 25 de setembro co 26 % dos votos.
Berlusconi volve ao Senado
Doutra banda, esta xornada no Senado estivo marcada polo discurso de Berlusconi, nove anos despois de que fose expulsado do Parlamento tras a súa condena en firme por fraude fiscal por mor do denominado Caso Mediaset.
O magnate, de 86 anos, asegurou sentirse "feliz" polo seu regreso e aproveitou a ocasión para reivindicar a súa lealdade a Occidente, á Unión Europea e á Alianza Atlántica. Fixo estas declaración despois de que se filtrasen á prensa unhas recentes declaracións súas en que presumía da súa amizade co presidente ruso Vladimir Putin e culpaba da guerra o ucraíno Volodimir Zelenski, que suscitou o enfado de Meloni. "Sobre isto, a nosa posición é firme e convencida, absolutamente clara, e non pode ser posta en dúbida por ninguén nin por ningún motivo", prometeu o controvertido político conservador.