Publicador de contidos
Publicador de contidos

Giorgia Meloni xura como primeira ministra de Italia

Giorgia Meloni xura como primeira ministra de Italia

O Goberno da ultradereitista repártese entre os tres partidos que forman a coalición gañadora dos comicios

G24.gal 22/10/2022 11:16 Última actualización 22/10/2022 16:20

A líder do ultradereitista Irmáns de Italia, Giorgia Meloni, xurou este sábado o cargo de nova primeira ministra nunha cerimonia oficial ante o xefe do Estado, Sergio Mattarella.

"Xuro ser fiel á República, cumprir lealmente a Constitución e as leis, e exercer o meu mandato e as miñas funcións no interese exclusivo da nación", pronunciou no Salón das Festas do romano Palacio do Quirinal.

Acto seguido Meloni asinou o decreto do seu nomeamento e estreitoulle a man a Mattarella, situándose logo á súa esquerda para presidir o xuramento dos seus vinte e catro ministros.

Os primeiros que o fixeron foron os seus dous vicepresidentes, Matteo Salvini e Antonio Tajani, respectivos expoñentes da ultradereitista Liga e da conservadora Forza Italia, os outros dous partidos da coalición dereitista que gañou as eleccións do 25 de setembro. Salvini tamén terá a carteira de Infraestruturas e Mobilidade Sostible, e Tajani a de Exteriores.

O xuramento contou con todos os ministros e, como dita o protocolo, faltou o subsecretario da presidencia do Goberno, un dos postos máis influentes do gabinete, que desempeñará Alfredo Mantovano, quen asumirá o cargo durante o primeiro consello de ministros este domingo.

A cerimonia contou tamén coa presenza das familias dos membros do novo Goberno. En primeira fila estaban a parella de Meloni, o xornalista Andrea Giambruno, e a filla de ambos os dous, Ginevra, de 5 anos.

Repartición de ministerios

O Goberno de Meloni repártese entre os tres partidos da coalición da dereita gañadora das eleccións xerais do 25 de setembro: oito ministros de FdI, catro da Liga de Matteo Salvini e cinco da Forza Italia de Silvio Berlusconi, ademais de 9 técnicos.

Este domingo escenificarase o traspaso de poderes co primeiro ministro saínte, Mario Draghi, e Meloni presidirá por primeira vez o consello de ministros.

Logo será o momento da investidura do executivo nas dúas sedes do Parlamento, o Senado e a cámara dos deputados, un formalismo pois a dereita conta cunha maioría absoluta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade